A Comisión Delegada de Turismo do Eixo Atlántico valora os resultados alcanzados por Expocidades en Pontevedra

55

A Comisión Delegada de Turismo do Eixo Atlántico, reunida onte na localidade portuguesa de Macedo de Cavaleiros, fixo unha avaliación moi positiva da última edición da feira do turismo Expocidades, celebrada o pasado mes de xullo en Pontevedra. A concelleira Carlota Román, presente na xuntanza, agradeceu estes comentarios e amosou o seu acordo coa liña de traballo que representa Expocidades, como forma de promocionar o turismo de proximidade entre a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

As preto de 10.000 persoas que pasaron pola última edición da feira tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a oferta turística que os 27 municipios galegos e cámaras portuguesas poñen a disposición dunha poboación de sete millóns de habitantes. E que, a pesar desta proximidade, é en gran medida descoñecida.

A Comisión Delegada tamén tomou o acordo de asignar a organización das edicións de 2015 e 2016 a Viana do Castelo e Bragança, co obxectivo de continuar crecendo e potenciando un evento chamado a un protagonismo cada vez maior no mapa feiral do Noroeste da Península.

Finalmente, o órgano acordou iniciar a redacción dun Plan de Actuacións para a promoción dos Camiños de Santiago, un dos seus principais atractivos turísticos. O obxectivo é que o Plan estea listo para optar aos fondos europeos do período 2016-2020 e telo desenvolto antes do Ano Santo 2021.