As obras na rúa de Blanco Porto poden rematar con adianto sobre o calendario previsto

62

A segunda fase das obras de reurbanización integral da rúa de Blanco Porto avanzan a un ritmo superior ao previsto. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou hoxe a actuación acompañado técnicos municipais e da empresa construtora.

Os traballos foron adxudicadas á empresa Construcciones EC Casas cun orzamento próximo aos 150.000 euros cun prazo de execución de catro meses, o que suporía o seu remate cara o mes de decembro. Non obstante, todo apunta a que, se non hai contratempos, as máquinas poderían retirarse a principios de novembro.

O proxecto prevé un deseño en superficie idéntico á primeira fase das obras, realizada durante o ano pasado. Ademais estanse a substituír todos os servizos soterrados de auga potable, pluviais, saneamento, subministro eléctrico e iluminación pública.

O plan de obra comezou na beirarrúa dereita (sentido da circulación) porque é a que ten maior presión comercial, co obxectivo de rematar esta zona canto antes. Hoxe comprobouse que xa están substituídas todas as acometidas e servizos. Xa está instalado o bordo e se está a colocar a lousa. A beirarrúa estará rematada a mediados da semana próxima.

A beirarrúa contraria consumirá un máximo de dúas semanas. O proxecto inclúe unha ampliación na esquina entre Blanco Porto e Joaquín Costa, coincidente co colexio das Calasancias, onde hai unha forte presión peonil nas horas de entrada e saída. Ademais, para garantir a seguridade viaria nunha zona tan sensible manterase a varanda metálica que separa a calzada neste punto.

Antón Louro amosou a súa satisfacción polo ritmo co que se está a traballar, así como polos resultados dunha obra que cualificou como “moderna e con calidade”. Avanzou tamén que as obras en marcha no barrio de San Antoniño (rúas de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses) tamén están progresando sen dificultades. O investimento total nas tres actuacións en marcha é de 505.717 euros.