Un membro do equipo técnico que traballou ata fai unhas semanas na intervención arqueolóxica do Castro das Croas, dirixida pola empresa A Citania Arqueoloxía, e promovida polo Concello de Pontevedra, localizou fai uns días un posíbel petróglifo na parroquia de Salcedo, que está sendo estudado. No caso de que se confirme a súa orixe, solicitarase a súa catalogación.
Desgraciadamente, o gravado non se atopa in situ, senón na cara externa dun sillar do muro de peche da finca dunha casa no lugar de A Armada, na parroquia de Salcedo, no Concello de Pontevedra. Ademais está mutilado: trátase duns círculos concéntricos (unha cazoleta central con dous círculos concéntricos cortados pola metade) e sete cazoletas.
Segundo algúns veciños, a pedra coa que se construíu o muro pertencía á casa anterior que había nese lugar e que foi derribada para construír a nova, aproveitando a pedra para o muro de peche, do que se pode deducir que o petróglifo, probablemente, en orixe, era da propia parroquia de Salcedo.
Lukas Santiago, membro do equipo da intervención arqueolóxica do Castro das Croas nos traballos de campo de recollida da memoria oral, foi a persoa que atopou este posíbel petróglifo. O equipo técnico prosegue o traballo de campo unha vez rematada a intervención arqueolóxica, o que deu como resultado, entre outras cousas, deste achado.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta xa foron informados do atopado.
Inicio Novas