A vida das veciñas de Santa María de Xeve, na Memoria das mulleres de Pontevedra

64

O proxecto A memoria das mulleres de Pontevedra, desenvolvido pola Concellería de Patrimonio, inicia a súa andaina en Santa María de Xeve cunha proxección de fotografías antigas de mulleres da parroquia acompañada da intervención dalgunhas das veciñas, que falarán das súas historias de vida, dos tempos antes. O acto terá lugar o venres 21 de novembro na Casa da Cultura de Santa María de Xeve as 19.00 horas.
As imaxes que se proxectarán foron extraídas de Xeve de Memoria, co que se pretende establecer continuación e, algunhas outras cedidas pola asociación de Veciños de Santa María de Xeve, que garda no seu haber un fondo traballo de recollida fotográfica.
Proxectaranse tamén extractos do documental O monte é nosso, de Llorenç Soler, (1978), referidos ao conflito tivo lugar en Santa María de Xeve e outras parroquias galegas polo uso e planificación que o estado franquista fixo dos montes comunais.
Finalmente, abrirase un coloquio sobre a presenza das mulleres nesta loita polo monte comunal e as consecuencias que tivo para elas, así como sobre os traballos que adoitaban desempeñar. Ao remate deste encontro ofrecerase unha pequena merenda ás persoas asistentes.
Con esta actividade dáse a coñecer o proxecto en Santa María de Xeve e iníciase o período de recollida de historias de vida e fotografías de mulleres do rural, tal e como se viu facendo en Lérez, Ponte Sampaio, entre outras parroquias.
De seguido, achegamos a estrutura do acto:
• 19.00 Presentación do acto: Concelleiro de Mobilidade, Patrimonio cultural e etnográfico e Centro Histórico, Luís Bará.
• 19.15 Visualización das fotografías e audiovisuais: Mulleres da parroquia farán unha breve presentación cun enfoque persoal de cada un dos temas a tratar: Oficios e traballos das mulleres, infancia, familia, lecer, as diferencias sociais no rural, e o papel da muller no conflito do monte.
• 20.00 Coloquio (o conflito do monte, traballos e oficios)
• 20.30. Peche do acto e merenda.