Máis de 190.000 euros para mellorar as redes de saneamento, auga e pluviais

52

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá cinco proxectos de saneamento, recollida de auga pluviais e mellora da rede de abastecemento en distintos puntos da cidade.

  • Na avenida de Bos Aires xunto ao cruzamento da rúa Xosé Malvar (na entrada das instalacións de piragüismo) está previsto cambiar a canalización da rede de saneamento para instalar unha de 600 mm, así como a construción de novos pozos de rexistro. Esta obra ten un custe de 52.428,22 euros.
  • Na rúa Rosalía de Castro, nas proximidades da Casa do Mar, está previsto mellorar a rede de sumidoiros que se redimensionará con unha tubaxe de 500 mm. Tamén está previsto repoñer as acometidas dos edificios así como os pozos de rexistro. O investimento é de 41.307,37 euros.
  • Na rúa Benito Corbal, diante do Hospital  Provincial, cambiarase a rede de abastecemento de auga que na actualidade é de fibrocemento, e será substituída por fundición dúctil. A reposición será en ambas marxes da rúa. O investimento é de 35.217,41 euros.
  • No barrio de Campolongo, na praza da Constitución, está previsto mellorar a rede de sumidoiros e a canalización de augas pluviais. Instalarase unha tubaxe de 500 mm para o saneamento e outra de 315 mm para as augas pluviais. O investimento desta obra é de 35.308,65 euros.
  • Na unión das rúas Xan Guillerme con Jofre de Tenorio está previsto cambiar a rede de sumidoiros e de augas pluviais. Neste punto tamén se conectarán catro edificios á rede de saneamento que na actualidade non o están. O custe da obra é de 25.119,53 euros.