Pontevedra desenvolverá “Apego” para mellorar a transmisión interxeneracional do galego

233

O Concello de Pontevedra e outros once municipios asinaron hoxe en Santiago o protocolo de colaboración para a organización do programa Apego dirixido a fomentar e mellorar a transmisión interxeracional da lingua galega. Polo Concello de Pontevedra acudiu a esta cita o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez Xunqueira. No desenvolvemento deste programa de normalización lingüística están a traballar conxuntamente os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

            O proxecto Apego busca implicar as familias na valoración positiva de termos lingua de noso. Para isto as diferentes fases do proxecto axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como lingua de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual.

            Demetrio Gómez declarou que “actos como este xeran sentimentos encontrados. Dunha banda é positivo que nos xuntemos para promocionar a transmisión do galego, mais de outra fica claro que un país que precisa convencer a pais e nais de falaren ás crianzas na lingua de seu ten un problema moi grave e fai falla enfrontármolo decididamente e sen panos quentes”.

            Asemade, o concelleiro engadiu que en máis de 300 concellos da nación non vai haber ningún tipo de promoción da transmisión interxeracional da lingua porque “quen falta hoxe aquí é o goberno galego, que non é xa que non apoie á lingua, senón que dá a impresión de que está encantado con esta situación de perda dos falantes máis novos e da transmisión interxeracional do galego”

            De cara a cumprir estes obxectivos organizaranse coordinadamente accións dirixidas ao ámbito familiar, educativo (infantil), de conciliación e de ocio que procuren, para cada un deles sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico que recibimos e as responsabilidades na súa transmisión á vez que se reforzan os usos positivos de cara ao seu mantemento e incremento; aumentar o uso do galego no contexto familiar e social dos nenos e nenas nas primeiras idades e dar a coñecer os argumentos que recomendan o uso do galego coas crianzas e facilitar o acceso aos recursos, redes, materiais, servizos, etc. que resulten coherentes co obxectivo sinalado.

            As accións serán deseñadas conxuntamente polos concellos participantes de cara a unificar a súa imaxe e o seu desenvolvemento malia que en cada caso se adapten ás circunstancias concretas. A posta en marcha do programa incluirá, cando menos, as seguintes accións en todos os concellos:

  • Deseño dunha imaxe común para todo o programa.
  • Edición dunha campaña informativa con material distribuíble nos espazos que habitualmente atenden ao embarazo e a adopción.
  • Edición de 5.000 caixas para entregarlles ás embarazadas para preparar a acollida das crianzas. Conterá un libro informativo, un álbum de lembranzas, un medidor, un adhesivo para o vehículo e un apego.
  • Edición de 5.000 CD de acollida para os novos nacementos (e adopcións) cunha selección de música que acaia aos diferentes momentos da crianza.
  • Creación dunha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego.
  • Creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e aglutinar o acceso a información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua.
  • Obradoiros formativos para os diferentes colectivos atinxidos no programa.

            Esta liña de traballo que desenvolven de maneira colaborativa os concellos responde á necesidade urxente de reforzar a transmisión da lingua, sobre todo despois das últimas cifras de uso do galego feitas públicas na enquisa do IGE, mais tamén atendendo os mandatos legais que recollen, entre outras, a Lei 3/1983 de normalización lingüística ou o Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galicia que sinala como obxectivo fomentar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar.

            Ante a perda da transmisión interxeracional da lingua e as dificultades para a socialización en galego desde a primeira infancia a Concellaría de Normalización Lingüística considera fundamental a implicación do Concello de Pontevedra para mudar esta situación, procurando o incremento da porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promovendo que o usen de maneira habitual.