O galego chega ao mundo do Rugby da man do proxecto O Salmón Oval

135

O Salmón Oval é unha campaña para promover o uso do galego no mundo do rugby e sensibilizar os equipos e seareiros de Pontevedra sobre a importancia e as vantaxes de usaren a nosa lingua tamén no eido do deporte. A campaña artéllase arredor de dúas liñas de acción: os primeiros obradoiros dirixidos especificamente a promover o uso do galego entre os seareiros do rugby e a primeira revista sobre rugby en galego.

No seo dos equipos de rugby de Pontevedra hai actitudes moi favorables ao galego, polo que o noso obxectivo é reforzar estas actitudes e favorecer o coñecemento e o aumento das competencias lingüísticas das persoas que adestran e dos seareiros e seareiras. Por outra banda, a lingua é un forte elemento de identidade e os equipos deportivos explotan ao máximo calquera trazo identificador que reforce o sentimento de grupo e de unidade. Así, o obxectivo fundamental desta campaña é manter as actitudes favorables ao galego e incrementar os seus usos, especialmente entre os máis novos.

O Salmón Oval explora e aproveita as posibilidades que ofrece o mundo do rugby en Pontevedra, onde o número de fichas por habitante é a máis alta do país. Malia que o galego está presente nos usos orais de moitos adestradores, árbitros, xogadores e xogadoras dos equipos de rugby galegos, non hai presenza do galego nos contextos formais arredor deste deporte e, por outra banda, nunha cidade como Pontevedra, a presión do castelán fai necesario reforzar e impulsar o uso do galego. Segundo a última enquisa do Instituto Galego de Estatística, nas cidades de máis de 50.000 habitantes só o 24,37% das persoas de idade comprendida entre os 15 e os 29 anos empregan falan maioritariamente en galego e o 25,7% non o fala nunca.

O Salmón Oval é, polo tanto, unha iniciativa pioneira neste ámbito en Galicia. Está impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, coa colaboración do escritor e xogador de rugby Isaac Xubín para a edición da revista, de Nova Xestión Cultural para a organización dos obradoiros e dos clubs de rugby de Pontevedra: Pontevedra e Mareantes.

  1. Os obradoiros: “Quen entende o rugby?” e “Rugby-regueifas”. Para traballar os usos orais do galego deseñáronse dous obradoiros:
    1. Quen entende o rugby?, o sábado18 de abril, de 16.30 a 18.00 horas e
    2. Rugby-regueifas, o sábado 25 de abril, de 16.30 a 18.00 horas.
  2. O obradoiro do vindeiro sábado, “Quen entende o rugby?”, estará impartido polo ex-xogador de rugby Borja Tosar. Está dirixido a aquelas persoas que queren coñecer máis de cerca o funcionamento do rugby (porque van a partidos e non comprenden moi ben as regras). Realizarase unha introdución ao regulamento básico do rugby, ás normas, á historia e ao vocabulario básico preciso para poder comprender e explicar este deporte.

O sábado 25 de abril terá lugar o obradoiro para seareiros e para animar no terceiro tempo “Rugby-regueifas”. Impartirán o curso os grandes regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís o Caruncho e está dirixido a todas aquelas persoas que queren animar aos seus equipos no campo, a xogadores/as que queren ter outro tipo de cancións e rimas para animar durante os partidos, no descanso entre tempos dos partidos e mais para o terceiro tempo.

As dúas actividades terán lugar na sala 2 do Centro Social de Monte Porreiro. Se o tempo o permite compatibilizarase a parte teórica con actividades prácticas no campo onde adestran os equipos, en Monte Porreiro. Os obradoiros son de balde e as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse no formulario https://salmonoval.typeform.com/to/bjgFmY

A revista O Salmón Oval, a primeira revista de rugby, na nosa lingua.
A revista O Salmón Oval é un medio para axudar a difundir o uso da lingua galega nos usos máis formais ligados ao deporte do rugby. Constará de tres exemplares, cada un deles estará enfocado nun momento concreto da actualidade do rugby internacional. Está dirixida especialmente aos xogadores e ás xogadoras, adestradores, árbitros e seareiros en xeral. Conta con diferentes seccións que abranguen contidos centrados na historia do rugby, na actualidade dos equipos e das ligas tanto da galega como das ligas internacionais; ademais atenderá de xeito especial os dous equipos de rugby da cidade: o Mareantes e o Pontevedra Outros aspectos transversais da publicación son promover o deporte e prácticas físicas saudables; incluír a mirada de xénero e o deporte feminino, xa que o rugby é un dos deportes onde máis axiña se integraron as mulleres; fomentar a lectura e a creación literaria e ampliar o coñecemento sobre a cultura galega en xeral e incidir no respecto ao medio natural e o coñecemento do territorio.

A revista conta cun deseño sinxelo e de calidade. As diferentes seccións en que se dividirán as páxinas d’O Salmón Oval están elaboradas por persoas que coñecen ben a materia, especialmente aquelas seccións que están enfocadas a diferentes aspectos técnicos.

O primeiro número, que se presenta hoxe, analiza o mítico torneo 6 Nacións, a Copa de Europa, as dúas ligas das illas británicas, a liga francesa ou o próximo campionato do mundo que se celebrará en Inglaterra no outono de 2015.

Inscricións nos obradoiros: https://salmonoval.typeform.com/to/bjgFmY