Pontevedra entra no Grupo de Acción Costeira da Ría, que dá acceso aos Fondos Europeos

126

A Comisión de Promoción Económica ditaminou hoxe favorablemente, por unanimidade, a inclusión de Pontevedra no Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra. Xunto coa capital da provincia adheríronse tamén os concellos de Ribadumia e Meaño co obxectivo de acadar o número necesario de seis. Deste xeito os tres municipios súmanse aos restantes concellos da ría que xa estaban no grupo: Bueu, Marín, Poio e Sanxenxo.
A Comisión estivo presidida pola concelleira Carlota Román, quen agradeceu o voto favorable de todas as forzas políticas e destacou que este acordo permitirá que Pontevedra acceda a unha nova liña de fondos europeos, o que será especialmente relevante para a xente que traballa no sector pesqueiro e marisqueiro.
A proposta foi realizada polo presidente da Federación de Confrarías e do propio Grupo de Acción Costeira, José Antonio Gómez Castro. Este tipo de agrupacións teñen consideración de Grupos de Acción Local, o que permite acceder ao período de programación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca (FEMP 2014-2020) en Galicia.
A nova é especialmente relevante para as Confrarías de Lourizán e Pontevedra, que poderán ser beneficiarios das axudas que se xestionen ao abeiro do Plan Estratéxico Zonal. Este plan será elaborado ao longo dos próximos meses.
Entre os obxectivos principais do Grupo de Acción Costeira están a sostibilidade do desenvolvemento da zona costeira,o aproveitamento dos produtos locais e a posta en valor do patrimonio natural e cultural. Ademais, como obxectivos transversais, figuran a promoción da igualdade da muller en todos os ámbitos, a promoción da accesibilidade e a universalización dos servizos baseados nas novas tecnoloxías e na sociedade da información. Finalmente, inclúense as prácticas sostibles e respectuosas co medio ambiente e a posta en valor dos recursos naturais.
O acordo de adhesión será aprobado no próximo Pleno que, ademais, designará ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como representante do Concello no Grupo de Desenvolvemento Local.