O alcalde insta a Feijoo a cambiar a relación da Xunta de Galicia con Pontevedra

209

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá un encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, no edificio administrativo da Xunta en Santiago. No encontro tamén estivo presente o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera.

As relacións da Xunta de Galicia co Concello de Pontevedra foi un dos temas centrais da reunión dado que o alcalde acudiu ao encontro coa intención de “cambiar o talante, a relación da Xunta co Concello de Pontevedra que non é como nos gustaría por falta de colaboración ou por desentendemento”. Na comparecencia posterior á reunión, que se prolongou por máis de dúas horas, o alcalde lembrou que “no meu discurso de investidura xa falei de que queríamos que cambiar a relación coa Xunta e sentarmos a falar das cuestións que interesan ás dúas administracións, e aos cidadáns”.

“Sabemos que á Xunta non lle sobran os cartos e queremos matizar ben as peticións. E nesa liña falamos de moitas cousas, pero o primeiro que haxa un trato razoable do medio público coa cidade de Pontevedra, que a RTVG se faga eco das cousas positivas que ten a cidade e tamén das negativas, pero non só dunha maneira discriminatoria como ocorre agora, e non deixar de destacar o positivo”, explicaba Lores.

            A variante de Alba e o Camiño de Santiago

Ao marxe deste posicionamento inicial no encontro abordáronse temas principais para o concello como a construción da variante de Alba. “Nós temos unha preocupación pola seguridade e a promoción do Camiño portugués a Compostela, e en Pontevedra hai dous tramos conflitivos: un en San Caetano (parroquia de Alba) e outro na entrada da cidade polo sur. Pedimos que a Xunta execute a variante de Alba que permitiría actuar na estrada actual e mellorar a seguridade viaria”, indicou Fernández Lores quen tamén indicou era preciso asinar un convenio coa Xunta para continuar o paseo do Gafos que, ao tempo, servirá como mellora de seguridade viaria na entrada do Camiño pola parroquia de Tomeza.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo indicou que a Xunta vai estudar o proxecto do Concello sobre esta variante, que non coincidía coas propostas presentadas pola Consellería de Infraestruturas en relación á capacidade. Por este motivo “vamos a acometer esa infraestrutura e son optimista en relación a ese asunto”, concluíu o presidente.

Sobre o trazado do Camiño portugués ao seu paso polo concello de Pontevedra, o presidente da Xunta apuntou que “imos facer unha actuación conxunta no paseo do Gafos e pediremos a colaboración do Concello para facilitar para delimitar o camiño portugués, que é un concello polo que discorre o camiño por máis de 20 quilómetros”.

            A débeda con Sogama

Outro dos temas abordados foi a débeda de Sogama, no que alcalde explicou que “temos pechado o acordo no que o Concello pagará o principal e temos que pechar unha porcentaxe -que estamos a negociar- sobre os intereses” o que quedou claro no encontro foi a colaboración na proposta de sistemas alternativos a Sogama no tratamento dos residuos.

O alcalde tamén valorou a posibilidade de recibir parte de estradas autonómicas como no caso da zona máis urbana de Rosalía de Castro, ou que a Xunta ou ben o Concello -con autorización da Xunta- poidan facer obras de seguranza viaria en viarios da Xunta.

            O edificio de Benito Corbal

A cesión do vello edificio administrativo da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal foi outro dos asuntos abordados. O alcalde expresou que o edificio aínda se atopa en condicións recuperables e pódese asinar un convenio coa Universidade de Vigo para instalar no edificio viveiros de empresas ou dependencias para investigación das titulacións do campus de Pontevedra. “Estamos pendentes deste tema, e nun prazo razoable de tempo, dous ou tres meses, se non hai recualificación do edificio, o presidente comprometeuse a contestar ao respecto”, explicou Fernández Lores.

            Transporte público e edificio xudicial

O presidente da Xunta falou da necesidade de ordenar o transporte público de Pontevedra, “que non é urbano en estrito sensu dado que está atravesada por un gran número de liñas”, para poder dar servizo aos pontevedreses. Tamén abordou a próxima construción do edificio xudicial, un investimento duns 20 millóns de euros, e que será presentado proximamente polo vicepresidente da Xunta ao alcalde de Pontevedra.

“Vou relativamente contento. O presidente insiste en que non hai interese en non ter boa relación con Pontevedra”, manifestaba Fernández Lores quen recoñecía que se ben as relacións persoais co presidente “son correctas” a nivel político e entre administracións “temos problemas sistematicamente con moitas consellerías e non nos parece de recibo e pedimos que se tomen as medidas pertinentes para que siga sendo así”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta indicou que “non existen cuestións políticas por detrás, senón criterios distintos ou percepcións da lexislación de maneira distinta”, pero coincidiu co alcalde en que as relacións persoais eran cordiais.