Unha foliada pechará a Festa do Demo

176

Unha viaxe as verbenas dos anos 40 e 50 do século pasado cando o demo comezou a saír pola rúas e prazas da cidade é a proposta para pechar a Festa do Demo, unha xornada en lembranza da lenda que conta que na noite do San Bartolomeu, o 23 de agosto, o demo logra fuxir do santo que o ata en corto e anda pola cidade atormentado os veciños.

O Grupo Musical Alborada e Os Chichisos porán música á foliada popular que comezará as 21.30 horas na praza de Curros Enríquez.

Coidarase a escenografía e por elo Concello e agrupacións musicais fan un chamamento a participación activa na festa e animan a xente a ir vestida de época e a bailar. Haberá unha iluminación axeitada, unha rosquilleira, a parella da Garda Civil, o cura… coma as verbenas dos anos da xuventude dos nosos vellos.

Mudada nunha cita lúdica, o  próximo 23 de agosto o Demo andará polas rúas e prazas do casco vello facendo burlas, xogos e trasnadas, acompañado dun séquito anunciando a súa chegada con música e petardos. Os nenos e as nenas están chamados a ter un papel protagonista na festa xa que son eles os que lle farán fronte e tratarán de vencer arrancándolle o rabo. Tamén poden formar parte do séquito demoníaco levando un tridente.

O Demo sairá dúas veces, desde os Arcos de San Bartolomeu, cun mesmo obxectivo,  aterrar a pequenos e grandes polas rúas do casco histórico. A primeira saída será as 12.30 horas e a segunda as 20.00 horas.

A Festa do Demo ten outra cita musical, o Concerto de San Bartolomeu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí.