O Concello require a transferencia da Unidade de Drogodependencias á Xunta

176

O Concello de Pontevedra, a través da concelleira de Benestar Social, Educación e Igualdade, Carme Fouces, dirixiuse ós titulares da Consellería de Sanidade e Federación Galega de Municipios e Provincia (Fegamp) para lles reiterar a vontade do Concello de que se inicie “o antes posíbel” o expediente para transferir a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Pontevedra á Xunta de Galiza.

Lémbrase desde o Concello que as competencias en materia sanitaria son da Xunta e que en virtude da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local modificouse a Lei de Bases de Réxime Local 7/85 acoutando as atribucións propias dos concellos co fin declarado de evitar duplicacións competenciais entre administracións. 

Subliña a concelleira de Benestar Social que a UAD en un centro especializado en atención sanitaria a persoas drogodependientes e polo tanto ten que formar parte da rede sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), como ordena a lexislación.

A UAD de Pontevedra presta asistencia a persoas con trastornos adictivos de trece concellos da contorna, unha función (coidados sanitarios) e un área  territorial (comarcal) de actuación que excede con moito as competencias municipais, ademais de supor unha carga económica moi grande para as arcas locais. O convenio firmado, no seu día, polo Concello de Pontevedra e as consellerías de Presidencia e Sanidade non da cobertura os gastos que xera a UAD, máxime cando a aportación autonómica recortouse máis do 25% entre os anos 2011 e 2014.