As Escolas Deportivas Municipais ofertan 2.200 prazas en 17 disciplinas

805

As Escolas Deportivas Municipais do IMD comezan un novo curso cunha oferta de preto de 2.200 prazas, arredor de 350 prazas máis que no 2014. Participan 32 clubs de dezasete disciplinas distintas. Neste ano incorpóranse ao proxecto catro novas entidades deportivas, a Escola Hungaresa de Esgrima, o Ciudad de Pontevedra CF e Integración Deportiva Pontevedra CF de fútbol e o Club Rítmica Xiada de ximnasia rítmica.

O prazo de inscrición ábrese o próximo luns, 14 de setembro, para todas as disciplinas agás fútbol e fútbol sala, para estas dúas modalidades o prazo comeza ó día seguinte, martes 15 de setembro. Os interesados poden dirixirse ao Pavillón Municipal de Deportes, de luns a venres, en horario de 9 a 13 horas e de 16.30 a 19 horas. Tamén poden contactar no teléfono 986-872.013 ou a través das redes sociais: twitter @IMDPontevedra ou nos facebook: facebook.com/imdpontevedra e ou imdadministracion@pontevedra.eu.

O prezo da matrícula é de 50 anos para todo o ano.

“Para nós é fundamental o fomento do deporte base, é prioritario” subliña a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro quen pon a énfase na aposta do Concello polo achegamento dos nenos e nenas ao mundo de deporte e os hábitos saudábeis. O Concello investirá 108.000 euros na nova tempada das Escolas Deportivas Municipais, un 9,6% máis que no 2014. O pasado curso destinárase un orzamento de 98.500 euros.

As modalidades ofertadas polas Escolas Deportivas Municipais do IMD de Pontevedra son as seguintes: atletismo, tríatlon, baloncesto, esgrima, fútbol, fútbol sala, voleibol, balonmán, tenis, tenis de mesa, xadrez, rugby, judo, loita olímpica, ximnasia, ximnasia rítmica e ximnasia artística/trampolín.

A experiencia de anos amosa que deportes como o fútbol, fútbol sala e balonmán son con moito os máis demandados, de feito o fútbol (nas dúas modalidades) oferta case o 25% das prazas.

Oferta IDM 2015 – 2016