O Concello promove unha campaña de control de velocidade

272

Cero vítimas mortais, poucos accidentes graves, peóns seguros. A implantación da velocidade 30 en todas as vías do municipio e as medidas de calmado de tráfico dan resultado. Porén detéctanse un número “moi pequeno” de condutores que non fan caso ao límite de velocidade e poñen en risco a vida de peóns, ciclistas e motociclistas en distintos puntos da redes viaria.

O Concello de Pontevedra, despois de constatar que hai unha “certa relaxación”, promove unha nova campaña de control de velocidade que se desenvolverá do 28 de setembro até o 12 de outubro co fin de concienciar aos máis resistentes de que “a velocidade mata”. Non se trata, subliña a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, de recadar se non de ter información actualizada do comportamento dos condutores e “de advertir e facer un chamamento” ao respecto dunha norma que salva vidas. Unha idea na que tamén incide o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle: “a campaña non procura sancións, as sancións non salvan vidas”

A Concellería de Protección Cidadá e a Policía Local ten constatado as diferencias no tráfico rodado desde a implantación das medidas de calmado de tráfico. Por exemplo antes da adopción de medidas de calmado na rúa Enxeneiro Rafael Areses e cun 8.044 vehículos aforados: 7.931 (o 98,6%) superaron os 30 km/h; 813 superaron os 60 km e 122 circularon por riba dos 70 km/h mais despois da implantación, con 37.337 vehículos aforados, só 658 superaban os 30 km, 5 os 50 km/h, 1 circulaba por riba dos 60 e ningún superou os 70 km.

A conclusión é que “a construción de lombos e as medidas de calmado de tráfico reducen de 50 a 26 quilómetros a velocidade media” resumiu a concelleira Carme da Silva que recorda que a 50 km/h os atropelos son mortais na metade dos casos e a 70 km no 100%.

Hai zonas sensíbeis que preocupan dun xeito especial os responsábeis da Seguridade Cidadá como a avenida de Compostela, a avenida de Bos Aires no acceso a Monte Porreiro, Corbaceiras, Rosalía de Castro ou a carretera de Montecelo.

Daniel Macenlle pon a avenida de Compostela como exemplo dunha vía de intervención necesaria. Nos carrís de entrada, con 17.000 vehículos controlados, constatouse que 11.822 ían a máis de 70 km/h e unha velocidade media de 75 km e nos carrís de saída 10.730 vehículos controlados de 15.700 circulaban a 70 km/h e a velocidade media acadaba os 77 km. Chegáronse a detectar unha velocidade máxima de 160 km nos carrís de entrada e de 152 km, nos de saída.

Un caso paradigmático é o vial que pasa por diante do hospital Montecelo onde en dez días detectouse o paso de 160 vehículos por riba dos 70 km/hora, entre as 14 e as 21 horas. “Falamos de 16 casos o día” recalca o xefe da Policía Local.