Pontevedra leva a experiencia dos camiños escolares a Xixón

175

Pontevedra foi hoxe protagonista nos actos programados co gallo da Semana Europea de Mobilidade de Xixón. Neste foro asturiano o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, desmiuzou a experiencia dos camiños escolares.

“Pontevedra, camiñar resolve. Os camiños escolares” foi o titulo da conferencia coa que Daniel Macenlle explicou o escenario no que se desenvolven os itinerarios escolares na cidade, unha experiencia que principiou no CEIP Álvarez Limeses hai cinco anos e que hoxe está estendido a todos os centros educativos do casco urbano e do barrio de Monte Porreiro.

Os camiños escolares son un exemplo de mobilidade alternativa ao substituírse o vehículo privado polos desprazamentos a pé, un obxectivo xenérico que se complementa con outros mais concretos e claramente educativos, subliñou Daniel Macenlle. Sostivo ante o auditorio de Xixón que “o feito de que os nenos e as nenas vaian andando e sós a escola fomenta a súa autonomía persoal, contribúe a crear hábitos saudábeis ao combater o sedentarismo e ademais fomenta a cohesión social e a educación cívica”.

“Agora estamos avaliando o levar os camiños escolares ao rural, de feito hai colexios dalgunhas parroquias interesados neles” destacaba o xefe de Policía Local antes de partir cara a Asturias como exemplo da grande aceptación social da iniciativa. Un amplo consenso que explica o seu éxito, aseguraba.

Xixón foi a primeira intervención sobre o modelo urbano de Pontevedra de Daniel Macenlle nesta semana, a ela lle seguirá mañá e o venres dous debates sobre o premiado modelo urbano de Pontevedra no Foro de Mobilidade Sustentábel de Zaragoza. A cidade do Lérez é unha das catro cidades europeas convidadas, xunto a ela estarán Vitoria, Friburgo e Copenhague.