Arrancan as obras da nova praza de diante do Hospital Provincial

254

O Concello arranca a próxima semana co proxecto de nova praza pública diante do Hospital Provincial. Será coas obras de mellora incluídas pola empresa adxudicataria, Covsa, na súa oferta e que afectan ás rúas Loureiro Crespo -no tramo que vai de Casimiro Gómez a Antón Fraguas- e Casimiro Gómez, nas que renovarase a pavimentación. O proxecto foi adxudicado por 335.429,30 euros.

As obras obrigan a pór en marcha operativos de limitación do aparcamento e reordenación do tráfico: os días 5 e 6 de outubro, na rúa Loureiro Crespo e os días 7 e 8 de outubro, en Casimiro Gómez.

O plan de traballo para a construción do novo espazo público estará coordinado có CHOP co fin de xerar as menores molestias aos enfermos e non interferir na actividade asistencial do Hospital Provincial.

A reforma prevista diante do Provincial abarca desde a rúa Cobián Areal até a entrada das Urxencias do hospital. Crearase unha praza pública de 1.200 metros cadrados que disporá de mobiliario urbano e de árbores para tratar de crear zonas de sombra. Construirase unha plataforma única con diferentes pavimentos: formigón, granito e lousa.

Toda a intervención leva unha reorganización da mobilidade deste ámbito. Dado que a nova praza será peonil, prohibirase o acceso rodado pola zona, agás para garaxes. Permitirase o acceso dende a rotonda de Doce de Novembro até a rúa Antón Fraguas e as Urxencias do Hospital, que até o de agora está prohibido. A reordenación afectará, por outra banda, aos tráficos da rúa Casimiro Gómez, Victor Cervera Mercadillo ou a travesía da Eiriña, que tamén desembocan en Loureiro Crespo.

Operativos de reordenación do tráfico.