A anpa do Álvarez Limeses retira o contencioso contra o Concello polas axudas ás extraescolares

245

A Concellaría de Educación e a Anpa do CEIP Álvarez Limeses informaron esta mañá de que a Asociación de nais e pais retira o contencioso administrativo que tiña aberto contra o Concello por unha suposta irregularidade nas bases de adxudicación de axudas ás anpas.

Tanto a concelleira, Carmen Fouces, como os responsables da anpa explicaron que se trata dunha nova etapa “polo que facemos tabula rasa coa posibilidade de reaxustar as convocatorias para o ano 2016”, indicaba Fouces, quen asegurou que quería iniciar o mandato da mellor maneira posíbel a pesar de que ningunha das dúas partes recoñeza que estaba equivocada, senón que se optaba por chegar a un acordo extraxudicial para iniciar de novo o camiño.

Carmen Fouces indicou que nos vindeiros días xirará visita a todos os centros de ensino para coñecer cales son as súas necesidades, co obxectivo de poder sacar un contrato global de mantemento dos centros escolares -similar a outros que se fan no Concello para outras áreas como o mantemento dos espazos urbanos-.

Segundo explicou o presidente da Anpa do Álvarez Limeses o acordo de retirada do contencioso fíxose por unanimidade xa que se pretendía que coa resolución do xulgado “non se quería prexudicar a terceiros, é dicir, ao resto de anpas”. Tamén aclarou que esta decisión xurde “do cambio de actitude por parte da Concellaría”.