Natureza nos Camiños oferta cinco rutas na súa oitava edición

506

O Concello de Pontevedra convoca unha nova edición de Natureza nos camiños que propón para os meses de outubro e novembro cinco saídas a distintos puntos da provincia de Pontevedra. As propostas son as seguintes:

  • Bosque de ribeira e sendeiro do río Fraga. Domingo 18 de outubro.
    • Percorrido polo Concello de Moaña. Horario: 10,00 a 14,00 horas.
    • Desprazamento en autocar de ida e volta. Duración: Tres horas aproximadamente.
    • Distancia: 6,2 Km.
    • Dificultade: media-baixa.
    • Ruta: Percorrido por unha das mellores masas autóctonas da Península do Morrazo e das Rías Baixas. Nun contexto de diversidade forestal de caducifolias interpretaranse as mostras de patrimonio tradicional e os vestixios de distintos períodos culturais.
  • Tui histórico e sendeiro natural do río Miño. Domingo 25 de outubro.
    • Percorrido polos concellos de Tui e O Rosal.
    • Horario: 10,00 a 15,00 horas. Desprazamento en autocar de ida e volta.
    • Duración: Tres horas aproximadamente.
    • Distancia: 7,4 Km.
    • Dificultade: Baixa.
    • Ruta: Percorrido que parte do centro da vila de Tui, onde se interpretará a importancia estratéxica e histórica desta antiga provincia. Complementarase co coñecemento da natureza do río Miño neste treito próximo á súa desembocadura.
  • Monte do Galiñeiro. Domingo 1 de novembro.
    • Percorrido polos concellos de Gondomar, Mos, O Porriño e Vigo.
    • Horario: 10,00 a 16,00 horas. Desprazamento en autocar de ida e volta.
    • Duración: Tres horas e media aproximadamente. Distancia: 8,9 Km.
    • Dificultade: Media.
    • Ruta: Percorrido no espazo natural da Serra do Galiñeiro onde se coñecerán os valores naturais e patrimoniais que atesoura este macizo granítico onde aínda é posible atopar paisaxes naturais amplas e extensas. Unha xoia paisaxística do moi poboado litoral das Rías Baixas.
  • Costa da Vela e Monte Facho. Domingo 8 de novembro.
    • Percorrido polo Concello de Cangas.
    • Horario: 10,00 a 14,00 horas.Desprazamento en autocar de ida e volta.
    • Duración: Tres horas aproximadamente.
    • Distancia: 6,5 Km.
    • Dificultade: Baixa, media-baixa.
    • Ruta: Percorrido polo espazo natural protexido da Costa da Vela onde se conservan un dos mellores sistemas praia-duna con interesantes piñeirais litorais. No Monte Facho achegarémonos a un dos máis importantes puntos de peregrinación e culto da Galicia romana.
  • Mosteiro de Aciveiro. Serra do Candán. Domingo 15 de novembro.
    • Percorrido polo concello de Forcarei.
    • Horario: 10,00 a 18,00 horas. Desprazamento en autocar de ida e volta.
    • Duración: Cinco horas aproximadamente.
    • Distancia: 6,9 Km.
    • Dificultade: Media-baixa.
    • Ruta: Percorrido polo espazo natural protexido da serra do Candán, inzado de patrimonio asociado á presenza neste país afastado do Mosteiro de Aciveiro, como é o caso das neveiras nas que os monxes fabricaban xeo que logo vendían na cidade de Pontevedra. Esta serra foi o medio dos últimos osos da provincia de Pontevedra, da que dan testemuña as alvarizas onde se mantiñan protexidas as colmeas deste larpeiro e gran depredador.

Características das rutas:

  • Todas as rutas son de ida e volta en autocar.
  • Límite de prazas en todas as rutas: 55.
  • Cómpre anotarse cada semana, dende o luns correspondente. Iníciase a anotación de participantes o vindeiro martes 13 de outubro para o percorrido do domingo 18 de outubro.
  • Poderán pospoñerse aquelas rutas que, por mor das malas condicións climatolóxicas, impidan o seu correcto desenvolvemento. (Ex: cicloxénese…)
  • Os avisos das rutas serán enviados por sms aos móbiles dos participantes anotados, especialmente se hai que pospoñer algunha ruta.
  • En cada saída participarán dous guías, con ampla experiencia na divulgación do patrimonio natural, histórico e cultural.
  • Material recomendado: botas e bastón adecuado para camiñar, auga, crema solar, cámara fotográfica, roupa de abrigo e para a chuvia, e un segundo par de calcetíns.