Pontevedra rexistra un número crecente de turistas estranxeiros

110

Os puntos municipais de información turística –Casa da Luz, Vialia e Praza do Concello- recibiron unha media de 350 visitantes ao día no mes de setembro. Foron un total de 10.500 turistas aos que hai que sumar un millar de pontevedreses que se achegaron co fin de pedir información sobre a programación cultural da cidade. O 70,4% dos visitantes -7.393 en números absolutos- viña de Galiza ou do resto do Estado e o 29,7% que queda -3.107- do estranxeiro.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, subliña o aumento do turismo internacional, cun rexistro dun 7,58% máis que no setembro do pasado ano. “É un turista que obxectivamente interésanos xa que, en xeral, ten un poder adquisitivo medio alto” di a responsábel municipal quen avanza que traballará na promoción da cidade no exterior. Neste eido procurarase, de xeito complementario, a coordinación coa Fundación Amigos do Camiño para a promoción da ruta xacobea portuguesa.

Mirar cara o estranxeiro non deixará a un lado a promoción da cidade no resto do Estado nin a exitosa aposta por facer dela un lugar acolledor para a realización de eventos deportivos de elite e de masas, de citas culturais, de festas… Porén a grande aposta do Concello cara o 2016 será “traballar en prol de pór en valor o modelo de cidade, un activo que ten por diante moito percorrido” mantén a concelleira Anabel Gulías.

Setembro deixou unha ocupación hoteleira do 68,96% nos establecementos da cidade, case 9 puntos máis que no mesmo mes do 2014, un dato positivo que pecha a mellor tempada turística desde antes da crise, en palabras do propio sector. En xullo os establecementos da cidade acadaran unha ocupación media do 71%, quince puntos máis que o pasado ano e en agosto a taxa situouse no 85,6%, preto dun 20% máis e todo elo sen contar ocupacións puntuais do 100%.

O 37% dos turistas que pasaron polos puntos de información municipais elixiron a cidade para facer noite e dos que durmiron en Pontevedra oito de cada dez fixérono en hoteis. Os que elixiron albergues, o segundo tipo de aloxamento máis demandado, supuxo o 11,7% . Converter a capital nun destino atractivo por se mesmo e como base para coñecer a provincia ou Galiza e outro dos retos que se pon a nova concelleira de Promoción Económica, segura da enorme potencialidade de Pontevedra, ata o de agora unha grande descoñecida.

A Concellería de Promoción Económica e Turismo oferta visitas guiadas por Pontevedra. Foron 2.292 os turistas que participaron nelas dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro: 2.194 chegados de Galiza e outras partes do Estado e 98 estranxeiros.

Respecto ao ano pasado rexistrouse un aumento de 652 participantes. O aumento do rexistro, do 39,7%, explícase polo aumento de visitantes mais tamén polo cambio de ubicación da saída, agora ao lado do punto de información turística da Praza de España.