O Local de Música transformarase nun axente creativo da man de Pontevedra ten un puntazo

61

O Local de Música dá un paso adiante na súa programación e comunión coa cidade incorporándose ao proxecto da Concellaría de Promoción da Cidade “Pontevedra ten un puntazo” ou á Feira das Industrias Culturais “Culturgal” que se celebrará o vindeiro mes de decembro. O obxectivo deste proxecto é aproveitar todos os recursos que oferta a cidade, incorporalos ao Local de Música, e tratar de lograr que os músicos de Pontevedra poidan vivir do seu traballo.

O proxecto “Pontevedra ten un puntazo” vén potenciando o coñecemento das numerosas industrias culturais e creativas da cidade na Casa da Luz, á que se suman agora varios grupos do Local de Música, que participarán neste proxecto por convite da organización. Consistirá en accións formativas prácticas que os preparen para conectarse co mundo profesional, impartidas por profesionais en activo de recoñecida valía a nivel estatal.

Ademais, tamén se incorporarán a proxectos que formarán parte da Feira galega das industrias culturais “Culturgal”, onde se tratará de dar maior visibilidade aos protagonistas da Pontevedra Creativa.

A primeira acción será este sábado, 7 de novembro nunha xornada piloto de convivio que pretende pór en común a persoas novas de Pontevedra que apostan pola súa carreira profesional na música con profesionais de referencia no sector musical. Con esta xornada preténdese

  • Crear un espazo óptimo para Networking e facilitar a creación da comunidade profesional.
  • Estruturar un espazo de traballo onde xurdan oportunidades, e se facilite a xeración contactos profesionais.
  • Coñecer o complexo entramado da Industria Musical
  • Entender a fiscalidade musical
  • Dispoñer de espazos e tempos para traballar e presentar os proxectos musicais

O programa desta xornada de convivio é o seguinte:

  • 10:15-11:00 Javier Abreu. Productor Musical. Océano Estudio. Que papel desempeña a produción (e o produtor) musical no marco creativo e artístico dunha banda.
  • 11:00-12:00 Xabier Alonso. Avogado experto en Propiedade Intelectual. O músico ten dereitos (e algunhas obrigas): o que che interesa saber sobre dereito de autor, roialtis e catro cousas máis.
  • 12:00-13:00 Toño Magariños. Músico e produtor de eventos musicais. Que é unha compañía discográfica independente.
  • 13:10-14:00 Miguel de la Cierva Náutico de S. Vivente, e Patricia Hermida (manager en Dotbeat). Aspectos esenciais na contratación de artistas e management; aspectos importantes sobre oficinas de produción e programadores.
  • 15:45-16:45 Presentación de proxectos das persoas asistentes.
  • 16:45-18:15 Diego Pajaró. Xerente de Xeneme Proxectos Sociais e Local de Música. Workshop. Onde está o meu público? Propostas de valor e elementos diferenciadores.

Outras accións previstas son:

  • 21 de novembro. Casa da Luz. Sesión formativa a cargo de Roberto Carreras, de MUWOM, empresa especializada en Branding Musical (relación da creación da marca coa música) cunha duración de 4 horas ao longo dunha mañá ou tarde, onde se tratarán conceptos como:
    • Que é unha marca.
    • Imaxe persoal, que queremos transmitir.
    • Posicionamento, soportes e medios.
    • Ferramentas básicas para comunicación presencial e on-line.
  • 5 de decembro. Presenza en Culturgal. Pazo da Cultura. (Speed dating cultural). Encontro con festivais como PortAmérica, Sinsal San Simón e productoras como Esmerarte ou Ouvirmos. Tamén con institucións como o Concello de Pontevedra ou Cidade da Cultura e con firmas patrocinadoras de eventos musicais como Martín Códax e Vermú Nordesía.
  • 12 de decembro. Casa da Luz. Sesión formativa para preparar a presentación do Local de Música como Axente creativo da cidade. Estará guiada polo músico, escritor e comunicador Xurxo Souto e a xornalista Belén Regueira.
  • 22 de decembro. Casa da Luz. Presentación do Local de Música dentro de “Pontevedra ten un puntazo”. Será un evento multimedia con imaxe, palabra e música, de unha hora e media de duración que lle dará visibilidade a todos os traballos realizados con anterioridade.
  • Mes de xaneiro: exposición relativa á música e ao Local de Música, onde se amosarán imaxes, sons e outros materiais recopilados.