Máis de 2 millóns para rehabilitar o centro histórico de Pontevedra e o de Estribela

155

A Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos coñeceu esta mañá os datos da “Área de Rehabilitación do núcleo de Estribela” e “Área de rehabilitación integral do centro histórico de Pontevedra” que se terá que executar no ano 2016. O investimento desta obra é de 2.148.924 euros que irán destinados tanto ao centro histórico da cidade como ao núcleo histórico de Estribela.

Segundo explicou o concelleiro de Obras, Luís Bará a concesión das axudas reducíronse a máis da metade do solicitado. O Ministerio de Fomento fará unha achega de 750.000 euros; o Concello de Pontevedra, 322.189 euros; e os particulares 1.076.735 euros.

Con estes investimentos no centro histórico de Pontevedra poderanse beneficiar 27 edificios con 100 actuacións distintas. O investimento para este ámbito é de 1.784.681 euros que se destinarán tanto a rehabilitación de vivendas como a obras no espazo público.

No ámbito privado pódense facer arranxos nas fachadas, cubertas e na carpintería exterior; arranxos nos espazos comúns; e en vivendas.

No ámbito público, está previsto a reforma das rúas Pratería vella (92.000 euros) e Tristán de Montenegro (88.000 euros), así como inversións no xacemento ao ar de Valentín García Escudero (44.000 euros), onde está previsto mellorar o peche perimetral, a sinalética e a iluminación. Tamén se farán inversións públicas en rúas de Estribela para rematar a rúa do Mercado (24.800 euros), a rúa da Comboa e unha parte de Marqués de Valterra (31.250 euros).

Sobre o ámbito privado, o concelleiro explicou que os técnicos municipais están traballando na redacción das bases das axudas que se publicarán en breve. Os particulares terán dous meses para presentar as solicitudes. O Concello tiña un estudo previo do número de edificios susceptibles de rehabilitar no centro histórico (46 edificios e 147 actuacións), pero agora deben ser os particulares os que decidan solicitar as axudas.

O concelleiro de Obras, Luís Bará explicou que aínda que o proxecto de Pontevedra era máis ambicioso e recibiu menos cartos dos esperados “vai a ser un estímulo para a rehabilitación dos edificios do centro histórico”, e confía que estes fondos continúen de cara a vindeiras convocatorias.