Obras na Gándara e A Piolla, en Lérez, por valor de 440.000 euros

140

A concelleira delegada de Lérez, Pilar Comesaña, reuniuse co consello parroquial para informarlle das obras que comezan de inmediato e facer un seguimento do plan de traballo consensuado coa veciñanza.

As obras que comezan acometeranse nos lugares da Gándara e A Piolla.

Antes de que remate o ano comezará segunda e definitiva fase do acondicionamento da zona da Gándara. A obra será realizada pola empresa Ediserpo e está orzamentada en 250.000 euros. O paso dunha calzada romana e dun tramo do Camiño de Santiago obrigou a facer unha catalogación patrimonial do espazo, un traballo realizado pola Xunta e que explica o retraso dos traballos programados.

Tamén na recta final do ano acometerase o asfaltado e o ensanche en varios tramos da estrada que vai dende A Piolla a Casalnovo. Este actuación supón un investimento e 190.000 euros.

A concelleira Pilar Comesaña trasladou ao consello as previsións do Concello para dar resposta ás demandas veciñais concretadas no plan de parroquia. Informoulles que no próximo ano farase o asfaltado dunha pequena zona da Fontaiña que está en moi malas condicións e que conectará co novo vial a Monte Porreiro. Nesa zona tamén se arranxará o camiño que pasa polo río.

Por outra banda lembrou que cando se faga a cesión ao Concello por parte de Adif dos terreos que ten en Médico Ballina, construirase o parque infantil. Tamén acometerase o calmado de tráfico coa construción de novos lombos e dando maior visibilidade aos pasos de peóns.

Tamén se está pendente do permiso de Fomento para a colocación de semáforos de pulsar nos cruces das zonas de Casaldourado-Cendona e A Ferreira-Ramallás.

Ademais os técnicos do concello están a facer un estudo de tráfico no contorno no lugar do Cruceiro, a petición da dirección do centro e da ANPA, preocupadas polo risco que sofren os nenos e nenas que chegan andando ao colexio.

As previsións municipais inclúen o acondicionamento no Couso do acceso polo río que conecta coa praia fluvial, incluída unha subida que vai a dar a Illa de Couso para a próxima primavera.

Respecto o arranxo o construción de cunetas pedidas dende o Cruceiro ata o Castelo, a concelleira Pilar Comesaña explicou que faranse nas zonas onde realmente sexan necesarias, principalmente preto das casas, xa que parte delas están feitas. Fíxose un contrato con Xoan XXIII para que se limpen todas as cunetas da parroquia.

No ano 2016 tamén se dará inicio ao acondicionamento do camiño que comunica Casalnovo con A Fontecortiza e Casaldourado.

Ramallás

O consello veciñal de Lérez comunicou á concelleira a súa decisión de dar prioridade ao adecentamento do lugar do Ramallás co fin de facer del o núcleo de centralidade da parroquia.

O primeiro paso será a compra dunha casa abandonada na entrada da zona, para proceder ao ensanche da rúa, posto que a día de hoxe non pode acceder ningún tipo de vehículo de emerxencias. No resto do terreo farase un pequeno parque no que os veciños terán que decidir a que se quere adicar aínda que xa puxeron sobre a mesa a proposta de dotalo dun espazo de ximnasia para maiores.

Pola súa parte a concelleira delegada de Lérez entregoulles ós veciños un documento para que firmen a autorización de paso das tuberías da rede de sumidoiros polas súas propiedades. A solicitude xa fora falada cos propietarios

Nos vindeiros días a concelleira visitará a zona cun técnico municipal para estudar o proxecto de sumidoiros, ver un muro parcialmente derrubado e que invade o camiño público e unhas filtracións de auga subterráneo que está producindo uns pequenos socavóns en dito camiño.