Turismo fixa os criterios para os patrocinios publicitarios dos clubes deportivos

115

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías está a manter durante a xornada de hoxe reunións cos clubes deportivos locais suceptibles de obter un patrocinio publicitario por parte do Concello, a través da Sociedade Turismo de Pontevedra.

Fronte ao criterio doutras administracións que rebaixaron as contías destinadas ao mantemento dos clubes deportivos a través deste tipo de patrocinios, o Concello de Pontevedra acordou reaxustar as contías en función das novas categorías deportivas que disputan algúns dos clubes, polo que a práctica maioría das entidades suben as súas asignacións para o vindeiro ano 2016.

Con estes encontros, a Concellaría tamén quere darlles a coñecer os criterios fixados polo seu departamento para a concesión destas axudas que buscan a equidade na distribución dos fondos, evitando a arbitrariedade e procurando así o mellor feedback das entidades deportivas que levan o nome de Pontevedra fóra das nosas fronteiras.

Seguindo a proposta da Concellaría, son susceptibles de acceder a este patrocinio publicitario todos aqueles clubes que xoguen ou compitan fóra de Galicia, de xeito periódico e nunha liga regular.

Estas conversas mantéñense no marco da redacción dos novos orzamentos da Sociedade de Turismo de Pontevedra, que deberán ser debatidos e aprobados proximamente.