Nace a Oficina Municipal de Voluntariado co fin de organizar e canalizar a intervención solidaria

177

Co gallo do Día Mundial do Voluntariado a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, presentou a Oficina Municipal de Voluntariado. Os vimbios normativos e loxísticos están postos, xa houbo experiencias piloto e por diante hai moitos proxectos. A Oficina Municipal de Voluntariado bota a andar e ultima unha ampla programación de traballo co fin de dar resposta a unha demanda social que procura canles de intervención solidaria.

A Oficina de Voluntariado terá catro eixos de traballo:

  • Informar sobre as entidades e ONGs existentes.
  • Desenvolver programas municipais propios como o Voluntariado deportivo do IMD, os Camiños Escolares ou o voluntariado vencellados a Redeaxuda que xa existen e por en marcha, a medio prazo, outros novos como pode ser un voluntariado para irlle a ler a casa a maiores ou algún ligado a infancia.
  • Colaborar con entidades que traballan con voluntarios como poder ser os Hospitaleiros do Albergue do Camiño Portugués, que precisan xente que fale idiomas e cos que xa están traballando voluntarios Erasmus dándolles clase de idiomas. A Concellaría de Benestar Social, da que depende a Oficina Municipal de Voluntariado, tratará de coordinarse coa Universidade de Vigo co fin de que os estudantes podan contar o traballo voluntario como crédito formativo.
  • Formación e asesoramento ás entidades e ONGs.

As previsións da concelleira Carmen Fouces apuntan a que entre xaneiro e marzo do 2016 se completará a apertura total da Oficina, e a partir deste mes comezará a execución de programas especifícos.