O ciclo Domingos do Principal regresa o 17 de xaneiro e contará con 7 espectáculos para público familiar

78

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentou esta mañá unha nova edición dos Domingos do Principal, acompañada de Tareixa Alonso, representante de Teatro Akatro.

“No afán de seguir achegando ao público á cultura e ao teatro dende a máis tenra infancia”, comentaba a concelleira, un ano máis o Teatro Principal acollerá este ciclo de carácter familiar e infantil que propón 7 espectáculos, escollidos ao longo de todo o ano nunha complexa selección levaba a cabo por Teatro Akatro.

Entre o 17 de xaneiro e o 7 de marzo, terán lugar as representación dos mesmos, que contarán como ven sendo habitual con dobre pase, ás 12:00 e ás 18:30 horas. As entradas están xa á venda en Ataquilla.com ven individualmente ou en forma de abono (matinal ou de tarde) para a totalidade do ciclo.

No caso de non esgotarse na venda anticipada, a venda na billeteira iniciarase 2h antes do comezao da cada espectáculo.

Os prezos son de 4€ por entrada solta e de 21€ para todo o ciclo e cada espectador deberá contar cun ticket independentemente da súa idade.

No que se refire as representacións concertadas con escolares, serán 3 “Jim e a illa do tesouro” (25 xaneiro), “Pinocchio, figlio di Gepetto” (1 de febreiro) e  “Luppo” (7 de marzo).

Domingo 17 de xaneiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

A comer!

Por Peus de porc (Catalunya)

O ogro coxo e famento está a piques de xantar unha triste sopa de verduras cando, na súa porta, aparece un meniño…

Pero o meniño ten frío, fame, sede, impo… e o ogro non pode comer un neno frío e famento.

Premio FETEN 2015 ao mellor espectáculo de monicreques.

Teatro de actor e monicreques.

Duración: 45 minutos
Recomendado a partir de 5 anos

 

Domingo 24 de xaneiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

Jim e a illa do tesouro

Por Eme dous (Galiza)

O pequeno e valente Jim Hawkins faise co mapa do tesouro do pirata Flint, e decide comezar a viaxe á Illa do tesouro. Unha viaxe na que vivirá moitas aventuras cargadas de música, acción, liortas, humor, piratas desapiadados, piratas parvos, pernas de pau, parches no ollo, papagaios… navegará por medio mundo, e descubrirá unha amizade eterna.

Teatro de monicreques

Duración: 55 minutos
Recomendado a partir de 5 anos

 

Domingo 31 de xaneiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

Pinocchio, figlio di Gepetto

Por La Baldulfa (Catalunya)

Pinocchio é a historia dun neno libre, sen prexuízos nin complexos, desobediente e traste, pero inxenuo. Gepetto intenta velar pola súa educación, pero Pinocchio desobedece e pasa aventuras que lle farán madurar… con un final sorprendente.

Unha versión particular de La Baldufa da obra de Carlo Collodi.

Premios ao mellor espectáculo e mellor dirección FETEN 2015

Teatro de actor e monicreques.

Duración: 55 minutos
Recomendado a partir de 6 anos

Recomendado pola Red Epañola de Teatros

 

Domingo 14 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

Burbullas de papel

Por Mucab Dans (Catalunya)

Roger é un trompetista namorado das burbullas e das cousas redondas. Un día Roger queda durmido e soña, soña con Bombalia o país das burbullas onde vive Bumbú. Bumbú virá ao mundo de Roger para axudarlle a facer burbullas.

Un espectáculo interactivo e de participación, con danza, música en directo e interacción multimedia. Con burbullas de xabón, de papel, dixitais, de globos, con sombras, luz negra …

Premio mellor espectáculo familiar Feria de teatro Ciudad Rodrigo 2014

Danza contemporánea, creación de vídeo, multimedia.

Duración: 55 minutos
Recomendado a partir de 3 anos

 

Domingo 21 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

Minutos

Por Marcel Gros (Catalunya)

Buscador de grandes momentos e coleccionista de pequenas cousas… Marcel Gros, o pallaso, constrúe un vehículo feito de imaxinación co que emprende unha viaxe cara un mundo minúsculo diverso e divertido.

Cada escena é tratada coma un pequeno conto, os obxectos son manipulados para darlles vida, cada detalle adquire a importancia que se lle debe dar ás pequenas cousas.

Marcel Gros, mellor valorado por maiores e menores de 13 anos en Domingos do Principal 2015

Clown

Duración: 50 minutos
Recomendado a partir de 3 anos

Recomendado pola Red Epañola de Teatros

Domingo 28 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

Faboo, el encanto de la imaginación

Por Escena Creativa (Madrid)

Un espectáculo visual caracterizado pola súa simplicidade e expresividade. Trátase dunha posta en escena pouco usual que usa unha linguaxe universal de xestos e sons, capaz de cativar a espectadores de calquera idade.

Premio FETEN 2015 pola súa expresividade.

Premio mellor espectáculo VI festival Internacional de teatro  Zaragoza 2015

Teatro xestual.

Duración: 52 minutos
Recomendado a partir de 5 anos

 

Domingo 6 marzo • Teatro Principal • 12:00 e 18:30 h

Luppo

Por Baobab Teatro (Galiza)

Luppo é un home maior que vive só e todos os días, ás doce en punto de cada mañá, acende o seu gramófono e escoita ópera. Sempre a mesma canción.

Ten un amigo, Tulún, un neno que cada mañá lévalle o pan, as especias e o xornal. Luppo cóntalle moitas historias da súa vida.

Unha mañá, Tulún chega coa compra e Luppo non está…

Premio mellor espectáculo infantil Feria de teatro Ciudad Rodrigo 2014

Teatro de actor e monicreques

Duración: 50 minutos
Recomendado a partir de 4 anos

Recomendado pola Red Epañola de Teatros

Programa Domingos do Principal 2016