Os equipos do Club de Debate desenvolven as súas habilidades comunicativas

80

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza mañá, venres día 8 de xaneiro, un curso de habilidades comunicativas para os 70 mozos e mozas participantes na nova edición do Club de Debate en Pontevedra.


A xornada desenvolverase no salón de actos do Pazo da Cultura desde as 9.45 ata as 13.45 horas. Está dirixida aos integrantes dos 7 equipos, estudantes de 1º de bacharelato e 4º de ESO, inscritos no Club de Debate en Pontevedra. Na xornada de formación farase unha preparación de habilidades comunicativas para falar en público. Abordarán o fenómeno da comunicación, a modulación da voz (ton, intensidade, ritmo), a ordenación do discurso, a escoita, a comunicación non verbal e a linguaxe. Tamén traballarán a complexidade da comunicación grupal.

Na fase eliminatoria en Pontevedra, que terá lugar o sábado 20 de febreiro, participarán 7 equipos entre os que se atopan o IES Luís Seoane, o IES Sánchez Cantón ou o IES Valle Inclán e un equipo do concello do Carballiño, que un ano máis comprate fase eliminatoria con Pontevedra.


O Club de Debate fomenta o uso da lingua galega, o desenvolvemento das habilidades comunicativas e a oratoria do alumnado; tamén traballa o proceso de documentación sobre os temas obxecto de debate. Ademais, esta actividade fomenta o pensamento crítico, a tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo. Este proxecto naceu ao abeiro das recomendacións do Plan Xeral de Normalización Lingüística para un dos sectores que considera estratéxico: a mocidade e recolle a responsablidade que o Plan lle atribúe á Administración local no seu cumprimento. Formúlase con base no obxectivo xeral de impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura 
activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).