Calros Solla e o IES Luis Seoane, elixidos Premios Cidade de Pontevedra

208

Calros Solla Varela na categoría de persoa física e o IES Luis Seoane de Monte Porreiro na de persoa xurídica son os novos premios Cidade de Pontevedra. Foron elixidos pola unanimidade do xurado cualificador quen tivo que valorar un total de seis candidaturas.

A concelleira e presidenta do xurado, Carmen Fouces, deu os parabéns aos gañadores e tamén aos outros candidatos, todos eles ”dignos” merecedores dos premios.

O xurado valorou no caso de Calros Solla Varela a súa traxectoria “como narrador e cronista do río Gafos” e defensor da biodiversidade e “por ser un grandísimo promotor do patrimonio inmaterial”, explicou Carmen Fouces quen tamén quixo deixar constancia da calidade do seu rival, o ex ciclista profesional e director deportivo do Super Froiz, Evaristo Portela Acuña.

O premio ao IES Luis Seoane “é un premio a todo o barrio de Monte Porreiro”, subliñou Carmen Fouces, no que o instituto é un símbolo. “É un barrio que rompeu moldes” e que encarna valores sociais exemplares como “compromiso, interculturalidade, inclusión, solidariedade”. Era a candidatura con apoios máis heteroxéneos, dende o conselleiro de Cultura ao representante do Pobo Marroquí en Galiza, pasando por asociación veciñais e culturais, a comunidade educativa ou sindicatos.

Monte Porreiro “é un lugar de encontro e colaborativo” e por elo “o Cidade de Pontevedra ao IES Luis Seoane é un premio aos camiños escolares, a asociación de veciños, as comunidades educativas dos colexios de Infantil e Primaria e a todos os veciños e veciñas”, engadiu a presidenta do xurado.

Xunto co IES Luis Seoane concorrían, na categoría de persoas xurídicas: o Club de taekwondo Mace Sport, a Festa HQR! E o Espazo Arróelo de coworking.

Os galardoados recibirán os premios que levan o nome da cidade nunha sesión de honra do Pleno municipal convocado para o día 20 de xaneiro, no Teatro Principal, coincidindo coa festividade de San Sebastián, o patrón de Pontevedra.