Concello e Deputación renovarán e mellorarán a mobilidade na ponte da Xunqueira da Gándara

59

A Deputación de Pontevedra substituirá e mellorará a ponte da Gándara sobre o río Rons, en terreos da Xunqueira de Alba que comezarán no prazo dun mes. A reparación consistirá na instalación dun novo taboleiro e a creación dun paso peonil independente, complementado con medidas de calmado do tráfico, mellora da accesibilidade e rehabilitación do sendeiro que comunica este espazo coa estrada de Vilagarcía.

Cabe lembrar que na primavera do 2015 asinouse un convenio entre o organismo provincial e o Concello de Pontevedra no que este se comprometía a redactar o proxecto. Posteriormente iniciáronse os procedementos administrativos para a contratación. Ademais, A Deputación fíxose cargo da licitación e financiamento da obra debido a que se trata dunha localización de dubidosa titularidade entre os concellos de Pontevedra e Poio.

Segundo informou o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente provincial, César Mosquera a empresa Narom será a encargada de facer os traballos, que teñen un prezo de licitación de 101.726 euros. O prazo de execución é de seis meses, durante os que nalgúns momentos será preciso cortar o tráfico na zona.

A situación da ponte, segundo explicou Mosquera, “é deficiente e preocupante dende hai tempo”. De feito,valorouse cortala ao tráfico en varias ocasións xa que o taboleiro está desprazado con respecto ás pilastras que o sosteñen, a ferraxe da estrutura está oxidada e a lámina inferior de formigón, saltada . “Os técnicos aseguraron que non era preciso un corte inminente da circulación xa que o propio taboleiro comezaría a ceder de presentarse unha situación de risco, e iso non ocorreu. Estivemos alerta. Fixemos un seguimento para ver se dobraba e non foi así”, engadiu o concelleiro, que insistiu en que a actuación foi considerada “urxente”.

De feito, paralelamente a esta vixilancia da ponte tramitáronse os permisos de actuación para a súa mellora ante o departamento de Costas e Augas de Galicia, xa que a zona está declarada como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Taboleiro

Aproveitaranse os piares existentes na ponte, que están en boas condicións, e renovarase totalmente a lousa superior, pero sen aumentar as dimensións do taboleiro, que ten un largo de 2,34 metros e permite unicamente a circulación dun vehículo. Considerouse que non se debería realizar a ampliación para non incrementar as expectativas do tráfico na zona e preservar no posible a contorna de acordo co plan de conservación do ENIL.

Así mesmo, e debido a que a creación de sendeiros e miradoiros incrementaron de xeito considerable o número de persoas que se achegan á Xunqueira de Alba a pé ou en bicicleta para pasear, practicar deporte ou observar a fauna existente, tomouse a determinación de crear un acceso independente para que peóns e ciclistas poidan cruzar o río separados dos vehículos. Este paso construirase augas abaixo (no lado máis achegado á cidade) e terá unha estrutura metálica  que soportará un pavimento e unha varanda de madeira tratada.

Como obras accesorias o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorará a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous pasos de peóns sobreelevados de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos de peóns executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira. Finalmente, a actuación complétase coa sinalización horizontal e vertical. Preténdese mellorar visibilidade, a supresión de barreiras e a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte, que quedará limitada a 20 quilómetros por hora.

Proxecto de substitución e mellora da ponte da Gándara