Mellora da mobilidade no Cabo e cara a pasarela peonil sobre a autovía de Marín

61

O Concello de Pontevedra investirá arredor de 150.000 euros no barrio de Praceres, en Lourizán para mellorar os accesos á pasarela peonil sobre a autovía de Marín e para executar a reforma integral do lugar de O Cabo. Segundo explicou esta mañá o concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez, esta intervención é moi demandada polos veciños e está consensuada cos residentes dos barrios.

No lugar do Cabo está previsto a recuperación integral deste barrio mariñeiro cun orzamento de 60.000 euros. Este proxecto podería obter unha subvención do Grupo de Acción Costeira o que permitiría ampliar o proxecto a outras zonas do barrio, mellorar a iluminación ou realizar traballos de recuperación patrimonial tanto no eido da toponimía como de espazos na contorna do Cabo, como o paseo que circunda o colexio.

Esta actuación implica a peonalización de todo o barrio, con acceso só para residentes -igual que o centro histórico de Pontevedra- e suporá “un traballo de filigrana xa que foi preciso ver como se soluciona a entrada a cada vivenda”. Deste xeito exemplificou Demetrio Gómez o estilo de actuación que haberá que realizar no Cabo.

Na rúa Areal, tamén está previsto un investimento de 60.000 euros, e consiste na mellora da accesibilidade e mobilidade desta rúa para dar servizo aos veciños e especialmente ás mariscadoras que empregan esta rúa e a pasarela peonil sobre a autovía de Marín.

Pavimentarase toda a rúa Areal, dende o Santo até a autovía, e crearase un circuíto peonil para acceder á pasarela pasando polos espazos que empregan as mariscadoras para o seu traballo diario, de tal xeito que garanta unha mobilidade segura.