O Concello colabora na organización da Festa do Caldo con 9.000 euros

55

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e o presidente da Asociación deeciños “O Castro” de Mourente, Santiago Laya, renovaron o convenio de colaboración para a organización da Festa do Caldo que este ano cumpre as súas vodas de prata. Froito deste convenio á veciñanza recibe 9.000 euros para a organización do evento, que reúne a miles de persoas arredor dunha cunca de caldo.

A cita é o próximo domingo, 13 de marzo, e alí estará o alcalde quen subliña que neste día “Pontevedra está no mapa grazas a festa gastronómica da comida básica do noso país”. A presenza do alcalde é moi valorado por Santiago Laya xa “que lle da realce á festa”. Ademais a colaboración do Concello e “esencial” recoñece o presidente da asociación veciñal quen agradece a achega económica e tamén a axuda do Concello para axilizar a tramitación da declaración de “interese turístico” para a festa. A decisión última está en mans da Xunta.

A actriz Uxía Blanco será a pregoeira da XXV Festa do Caldo de Mourente, unha cita gastronómica na que traballan arreo mulleres e homes da parroquia para preparar os ingredientes e ter todo listo.

Para sacar arredor de 6.000 racións usaranse os seguintes ingredientes e cantidades:

  • carne de terneira, 350 quilos .
  • lacón 50 quilos
  • panceta, 110 quilos
  • orella, 240 quilos
  • morro, 100 quilos
  • cacheira, 60 quilos
  • chourizos, 70 quilos
  • galiña, 60 quilos
  • carcasas de polo,100
  • grelos, 900 manoxos
  • repolos, 90 unidades
  • feixóns, 38
  • patacas, 600 quilos
  • unto, 1 quilo