Composteiros para os colexios públicos con comedor

79

Os colexios públicos de Pontevedra con servizo de comedor escolar contarán con composteiros a partir do próximo curso, sumándose como axentes activos ao novo programa municipal de compostaxe. “As nosas escolas serán vangarda” no ámbito da reciclaxe, recollida e tratamento alternativo dos restos orgánicos, un proxecto que conta co compromiso da concesionaria dos comedores escolares, Serunion, e da Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FANPA) de Pontevedra, xestores do servizo. A educación ambiental entra de cheo no proxecto educativo dos comedores.

A concelleira de Educación, Carmen Fouces, desvelou a aposta escolar pola compostaxe diante do responsable de Serunion para Galiza, Carlos Varela e o presidente da FANPA, Roxelio Carballo durante a presentación do libro “Hoxe como no colexio!”, unha publicación da empresa en forma de conto con consellos sobre alimentación, hábitos hixiénicos e de vida saudábeis e tamén sobre a reciclaxe.

O conto -un manual de boas prácticas- chegará a todos os usuarios dos comedores escolares, arredor de 900 nenos e nenas e as súas familias. Hoxe houbo un reparto simbólico no comedor do CEIP Campolongo. Dos 21 colexios públicos que hai no municipio,16 contan con servizo de comedor.

Tanto Carlos Varela como Roxelio Carballo subliñaron que os comedores escolares son máis que un comedor, é un espazo de convivencia, de desenvolvemento educativo no que a formación ambiental terá un especial protagonismo a partir do mes de setembro.

Todo estará a punto para cando comece o curso académico 2016-17. Até entón o Concello formará aos monitores e responsábeis dos comedores no tema da compostaxe e no uso dos composteiros, que para alá estarán instalados e testados.