Verea e Arela, a renovación empresarial e inserción laboral como reto

59

Os programas Verea e Arela -deseñados e desenvolvidos pola Concellería de Promoción Económica e da Cidade baixo a marca P-ON- arrancan a próxima semana na Casa da Luz co ambicioso obxectivo de fortalecer, no primeiro caso, o tecido empresarial local e, no segundo, mellorar a empregabilidade dos que están na busca dun traballo.

“Queremos prestar servizos concretos, útiles e reais” subliña a concelleira de Promoción, Anabel Gulías. Servizos que axuden a abrir camiños cara a inserción laboral e a consolidar ou renovar actividades económicas e empresariais sostibles, implicadas e competitivas, engade a concelleira.

Serán vinte os participantes en cada un dos programas, seleccionados entre 50 autónomos e empresas no caso do Verea e 45 demandantes de emprego no Arela.

PLAN VEREA.– Se algo define aos 20 seleccionados a participar no Plan Verea é a súa heteroxeneidade: Hai empresas de recente creación e tamén consolidadas e cunha longa traxectoria; hai sociedades e autónomos e as actividades que desenvolven son dispares: deseño gráfico, nutrición, xestión de comunidades, mudanzas, asesoría contable e fiscal, ocio e hostalaría, transporte de viaxeiros, perruqueria, servizos xurídicos, novas tecnoloxías, servizos deportivos e de ocio, impresión, pastelería-panadería, osteopatía, formación ou comercio.

As vinte empresas ou emprendedores seleccionados terán catro meses por diante, a partir do próximo luns, 28 de marzo, para avaliar as súas carencias e facer unha diagnose de situación e tamén para identificar as súas oportunidades e deseñar e pór en marcha unha estratexia de futuro.

Neste camiño recibirán asesoramento individualizado ao tempo que se lles fará chegar coñecementos e experiencias multisectoriais e de outros lugares Ademais potenciarase a creación de redes de contactos a través de sesións grupais e obradoiros con temáticas propostas polas participantes e abertas ao público.

PLAN ARELA.- Os vinte seleccionados para participar no Plan Arela son persoas en situación de busca activa de emprego por conta allea ou por conta propia que amosaron durante o proceso de selección, -a través de xogos e dinámicas de grupo- unha actitude colaborativa e proactiva cara a procura de traballo. Ao valorarse estes trazos a selección non permite definir un perfil tipo xa que entre os participantes hai xente nova e maiores de 40 anos, traballadores en paro, con pouca o moita experiencia laboral, e xente sen experiencia no mundo do traballo; persoas con formación básica e titulados universitarios; mulleres e homes.

Deseñarase un plan de acción individual para cada un dos participantes, que recibirán formación a demanda para reforzar as súas competencias e facerlle máis doado acadar o seu obxectivo. Dende o Plan Arela se lles prestará un servizo de guía e acompañamento na busca de emprego e se potenciará tamén a cultura colaborativa e a creatividade e a interacción do grupo para acadar este obxectivo

Teñen catro meses por diante, a contar dende o 31 de marzo, para mellorar a súa empregabilidade e tratar de incorporarse ao mundo do traballo.