Acto institucional do Día das Artes Galegas adicado a Castelao

22
Presidenta da Deputación
Señoras e señores deputados, alcaldes, concelleiros
Presidente e membros da Real Academia das Artes
Sr. director do Museo
Comisarios, técnicos, persoal do Museo de Pontevedra
Amigas e amigos

Poucas cousas enchen tanto de orgullo a un nacionalista como ter a oportunidade de participar nesta homenaxe, representando ás veciñas e veciños de Pontevedra.

Vivir en Pontevedra é un concepto que de algún xeito inclúe non só aos que son, senón tamén aos que fóron e sobre todo aos que sempre permanecerán unidos á historia máis brillante desta cidade.

Neste museo ten a súa sede boa parte do legado artístico dun dos máis esgrevios pontevedreses da historia.

Todos admiramos a obra deste home adiantado ao seu tempo e que foi quen de se converter no polifacético e vitalista animador da alma da nación galega na primeira metade do século XX, que chega a Pontevedra no ano 16 e de onde só os desterros políticos e o levantamento militar do 36 o apartan da que él chamou Meu Pontevedra.

Él non podía desprenderse do seu amor a Pontevedra, como non podía un desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. E Pontevedra nunca poderá desprenderse do amor a Castelao, que tamén, como él dicía da nosa vila, “é unha fonte de xuventude”.

Porque Castelao tivo unha mirada de vangarda, unha visión capaz de tirar das cousas máis activas e positivas do país para deixar atrás as malas sombras, para superarnos e poñernos no mundo, para rachar as teas de araña que impedían, e dalgún xeito seguen a impedir, desenvolvernos no mundo e aspirar a un futuro mellor.

E iso facíao desde a súa intensa actividade política como organizador e impulsor de plataformas como as Irmandades da Fala ou o Partido Galeguista, co seu papel como deputado en Cortes, con aquel primeiro intento de ir recuperando a soberanía de Galiza que foi o Estatuto.

Un fortísimo compromiso con este país que hoxe continuamos entusiastas a prol dunha Galiza que mire máis por sí mesma.

A política foi a enerxía que deu sentido ao seu traballo na cultura, na arte, no canto popular, na literatura, na forma de relacionarse coa paisaxe e a paisanaxe, desde a rebotica de Feijóo ou desde o Pinal de Matalobos, desde o que escrebeu as palabras máis fermosas que calquera pode dicir sobre a súa cidade, xa que lonxe dela, desexou que incluso despois da morte non permitiría que os seus osos se consumisen ata que tocasen Pontevedra.

Pero o Castelao que toca esta cidade está vivo coma nunca. Tanto neste potente museo que tanto él contribuiu a fundar e engrandecer, coma en tantas facetas da nosa vida urbana.

E tamén por suposto, na orientación e no espíritu tan proactivo con que a cidade abordou a súa transformación, que tanto debe a actitudes valentes e avanzadas coma as do noso homenaxeado.

A Pontevedra de hoxe síntese privilexiada consecuencia desa herdanza que foi de seguro a máis grande que don Alfonso fixo aos galegos: a confianza en nós mesmos, a autoestima, o orgullo de sermos quen somos, o pracer de sentirnos únicos no mundo, diferentes, privilexiados por vivir no mellor país do planeta.

Así se sinte Pontevedra cando a premian ou poñen de exemplo en calquera lugar. Humilde pero orgullosa, xenerosa ao ser tomada como exemplo, e confiada porque cada día será mellor.

Un legado que debemos a Castelao e a algúns outros cidadáns exemplares do seu tempo e posteriores, e que estamos honrando cada día, cada segundo, para ser merecentes destas estremecedoras palabras: Todo, todo pode acabarse en min, menos o amor que sinto por Pontevedra.

Moitas grazas