A veciñanza de Lérez rexeita o veto aos lombos nas vías rurais

32

Representantes de asociacións e veciños de Lérez mantiveron unha reunión coa concelleira delegada da parroquia, Pilar Comesaña co fin de ter información ao detalle da modificación da ordenanza municipal reguladora da circulación nas vías municipais, aprobada en Pleno polos partidos da oposición -PP, PSOE, En Marea e Ciudadanos- e que se atopa en fase de exposición pública.

A veciñanza está moi preocupada, e rexeita, a nova modificación que veta a instalación de novos redutores de velocidade (lombos) en vías rurais. Os novos xa proxectados, ou futuros, non se poderán colocar e os vellos terán que retirarse.

En aplicación desta norma, en fase de tramitación, habería que retirar por exemplo o paso de peóns sobreelevado da entrada do centro de saúde o que, en opinión dos veciños, suporía un elevado risco para integridade física das moitas persoas que a diario acoden ao centro sanitario. Ademais, engaden, veríanse afectados todos os proxectos pendentes na parroquia como o acondicionamento da rúa da Torre ou o proxecto de seguranza viaria no entorno do colexio, proxectos moi demandados polos propios veciños, que ven imprescindibles a instalación de lombos nas proximidades da casa de Cultura e no colexio.

Outra das contradicións sería que os proxectos que se están realizando nestes momentos e que si levan implícito a construcións de lombos, como o arranxo da rúa que coincide co camiño de Santiago no lugar da Gándara, terán que ser eliminados nun futuro.

Os veciños ven imprescindibles a colocación de lombos en zonas escolares, zonas cun volume de afluencia de persoas importante (centros de saúde, centros culturais, deportivos, relixiosos, etc) e con certo volumen de vivendas, xa que debido a ausencia de beirarrúas a convivencia de vehículos e peóns e inevitable, co conseguinte perigo para estes últimos.

A crítica e rexeitamento da modificación da ordenanza municipal reguladora da circulación nas vías municipais en trámite da veciñanza de Lérez súmase a oposición tamén manifestada polos veciños e veciñas da parroquia de Salcedo.