Amencer-Aspace, 25 anos de loita, amor e esperanza

87

Amencer-Aspace cumpre 25 anos e quere celebralo con todos os veciños e veciñas de Pontevedra. Con este obxectivo está a organizar un extenso programa de actividades que se desenvolverá ao longo dunha semana: dende o día 20 ao 27 de maio.

Carlos Godoy e Mónica Touriño, presidente e xerente da asociación Amencer de parálise cerebral presentaron hoxe á concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, á programación que están pechando que comezará o día 20 cunha proposta lúdica “ilusionante e moi visual” que leva por nome “25 anos, 25 desexos, 25 persoas” e rematará o día 27 cunha xornada científica e de divulgación “moi densa” baixo a epígrafe de “Avanzamos” que abordará aspectos médicos, científicos, de organización de actividades lúdicas incluíntes.

Amencer-Aspace principiou o seu camiño da man de tres familias pontevedreses que no seu día uníronse para procurar respostas e unha atención axeitada para os seus fillos e hoxe da atención directa a 80 persoas con parálise cerebral e conta con 118 asociados, persoas con familiares directos afectados por este tipo de discapacidade, e con arredor de 200 usuarios dos seus servizos. Ademais a asociación pon a disposición de todos o seu equipo de valoración mutidisciplinar, un avaliación que fan de modo gratuíto e que acompañan con información para encamiñar a atención precisa.

O 25 aniversario de Amencer-Aspace traerá a Pontevedra a recoñecidos expertos como o coach motivacional Jorge Salinas ou o xenetista Ángel Carracedo.