Nove relatores afondarán sobre proxectos de memoria oral nas IV Xornadas de Patrimonio

50

A memoria oral será a protagonista das IV Xornadas de Patrimonio de Pontevedra que este venres e sábado se celebran na Casa da Luz. Nove relatores ofrecerán ao público as súas experiencias no ámbito da recollida de testemuños, transmisión, tratamento, aplicación pedagóxica e divulgación de memoria oral. Trátase de investigacións, proxectos e historias de vida que rescataron do esquecemento moitos feitos silenciados que volverán ver a luz para pasar a formar parte do noso patrimonio.

O profesor Raúl Soutelo abrirá o encontro este venres ás 17.00 horas cun relatorio sobre ‘A memoria na investigación e no ensino das ciencias sociais: experiencias, temas e propostas’. Soutelo é profesor de Xeografía e Historia no IES Virxe do Mar de Noia e profesor asociado de Didáctica das Ciencias Sociais na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Na súa intervención exporá as formas da memoria e a súa utilidade na investigación social e falará sobre memorias confrontadas, poñendo como exemplo a construción da lembranza sobre a Segunda República, a Guerra Civil e o Franquismo durante a propia ditadura. Tamén explicará o uso da memoria familiar como recurso didáctico.

Ao remate da conferencia, celebrarase unha mesa de experiencias sobre recuperación da memoria oral na que se presentaran tres proxectos galegos: as Bibliotecas Viventes (da cooperativa Xandobela), o programa Fálame de San Sadurniño (do concello de San Sadurniño) e o proxecto escolar Tempo de lembranzas (IES de Mugardos).

Os membros de Xandobela, unha iniciativa de Educación Non-Formal e Dinamización Sociocultural, presentarán o proxecto de divulgación e posta en valor da Historia Oral e o Patrimonio Cultural Inmaterial ‘Bibliotecas Viventes’. Trátase dunha iniciativa que emprega o diálogo interxeracional directo para achegar coñecementos ás persoas dun xeito ameno, directo e participativo e na que os libros son persoas e a lectura dos mesmos unha conversa.

Carmen Suárez Nieto, principal impulsora de ‘Fálame de San Sadurniño’, falará sobre as experiencias dun proxecto que naceu para dixitalizar e xeolocalizar fotografías ás que se incorporaba un audio explicativo e que se converteu nun referente no ámbito de recuperación da memoria ao crear fotos faladas que cargan de sentido colectivo pequenas vivencias individuais.

Manuel Pousa Castelo e María Gabriela Sánchez Cortizas explicarán ‘Tempo de Lembranzas’, un proxecto interdisciplinar e aberto a nenas e nenos de todos os cursos do IES de Mugardos que reúne experiencias de documentación de historia local en torno á guerrilla antifranquista da posguerra, especialmente en torno ás figuras de Pancho e dos ‘Buzos’.

O programa do sábado comezará ás 10.00 horas e está adicado a diferentes proxectos de recollida e divulgación da memoria das mulleres. Luís Bará e María Xesús López Escudeiro presentarán o programa municipal ‘A memoria das mulleres’ de Pontevedra e a xornalista e escritora Montse Fajardo falará sobre ‘O ronsel das vítimas da represión: a memoria contra o silencio’, trasladando ao públicos experiencias da memoria oral e das vítimas da represión franquista a partir das entrevistas realizadas no marco do citado programa.

Alejandro Peña, fundador do equipo de desenvolvemento de Dédalo e creador da ‘Ficha de Inventario de PCI’ para o Plan Nacional de Patrimonio Cultural Inmaterial, presentará o proxecto de investigación e divulgación ‘Mujer y memoria’ e falará das dificultades da catalogación, investigación e difusión dos traballos de memoria oral

As última das conferencias será a de Beatriz Díaz Martínez, escritora independente que dende fai 20 anos traballa como investigadora en memoria oral. O seu último traballo, ‘Era más la miseria que el miedo. Mujeres y franquismo en el Gran Bilbao; Represión y Resistencias’, realizado xunto con Belén Solé, conta historias de vida en profundidade e explica os mecanismos da represión franquista dirixidos ás mulleres e que estiveron moi presentes nunha zona de Bizkaia onde as loitas sociais tiveron un gran peso. Tamén falará das formas coas que as mulleres responderon. Ao remate da súa intervención haberá un coloquio.

Cabe lembrar que a inscrición segue aberta para participar nas xornadas, que son de balde. As persoas interesadas deben inscribirse enviando un correo electrónico a patrimoniocultural@pontevedra.eu indicando nome, apelidos e teléfono de contacto.