O Concello invirte arredor de 900.000 euros en renovar o Pavillón Municipal

32

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá á adxudicación á empresa  Goméz Crespo Obras e Servizos S.L. a construcción e instalación da nova cuberta do Pavillón Municipal dos Deportes por 605.951,06 euros. O proxecto tiña un orzamento de licitación de 690.792,47 euros, pretende recuperar a cuberta planificada polo arquitecto Alejandro de la Sota no ano 1964.

A empresa achegou melloras ao proxecto como o pintado das cerchas valoradas nuns 65.000 euros, e a renovación da iluminación da pista por uns 50.000 euros. O prazo de execución é de 2 meses, pero antes da súa instalación será preciso fabricar a cuberta.

O portavoz do Goberno, Raimundo González explicou esta mañá que o Goberno confía en poder instalar a nova cuberta no verán, para que estea operativa na vindeira tempada.

Tamén no Pavillón Municipal, o Instituto Municipal de Deportes (IMD) está a realizar nestas datas a instalación dun novo sistema de produción de auga quente sanitaria (AQS) mediante caldeiras de biomasa. Até o momento a auga quente procedía dunha caldeira auxiliar de gasóleo que se emprega para a climatización dos vestiarios. O orzamento desta actuación é de 122.521,37 euros.

A posta en marcha deste novo sistema de auga quente supón a instalación dunha caldeira de biomasa, alimentada por pellets, na sala de máquinas.

Esta mellora no Pavillón Municipal vénse a sumar a outras actuacións que se desenvolveron nesta instalación no último ano e que acumulan un investimento de 179.815,48 euros. Todas elas van encamiñadas á procura dunha maior eficiencia enerxética das instalacións, incrementar a seguridade dos usuarios, e ao mantemento xeral da instalación deportiva máis emblemática da cidade.

As actuacións de mellora da eficiencia enerxética do Pavillón foron:

      • Substitución do sistema de iluminación das bancadas á tecnoloxía LED: 6.501, 23 euros.
      • Substitución do sistema de alumeado dos vestiarios á tecnoloxía LED: 5.834 euros.
      • Reposición do sistema de balizamento de sinalización na totalidade das escaleiras á tecnoloxía LED: 20.873,32 euros.

A estas intervencións súmanse outras en relación ao mantemento e mellora da seguridade dos usuarios:

      • Substitución do cadro xeral de alumeado da instalación: 5.753,16 euros.
      • Instalación do sistema de alimentación ininterrompida (SAI) para o subministro de enerxía de reserva: 18.332,30 euros.

A dotación de espazos deportivos acaída ao número de persoas que as empregan e tamén aos tempos que corren, son prioridades do Goberno local que en menos de un ano de mandato ten en marcha importantes proxectos para ampliar e renovar as dotacións deportivas tanto no ámbito urbano como no rural.