Queremos a ponte do Burgo peonil e unha nova praza pública na zona

829

O Concello de Pontevedra da un paso adiante na posta en valor do seu patrimonio histórico cun proxecto de acondicionamento para a ponte do Burgo e a súa contorna. Un proxecto que ten como eixos principais a peonalización deste tramo do Camiño Portugués que marca a saída da cidade cara a Compostela e a apertura dun novo espazo público -unha praza con árbores a de ao redor de 4.000 metros cadrados- na cabeceira norte da ponte.

A actuación prevista polo Goberno local vai dende a praza Valentín García Escudero até o cruzamento coas rúas Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos -unha superficie de 6.853 metros cadrados- e suporía un investimento de case un millón de euros. Está incluída na relación de proxectos detallados na solicitude de fondos DUSI polo Concello.

O proxecto de acondicionamento da ponte do Burgo foi presentado polo concelleiro de Mobilidade, Obras e Patrimonio Histórico, Luís Bará na Comisión de Mobilidade que preside, un primeiro paso antes de contactar dun xeito oficial coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que ten que dar o plácet á intervención.

A intervención prevista inclúe as seguintes actuacións: pavimentación a nivel da ponte, para subliñar o seu carácter peonil; a iluminación da ponte (plataforma e arcos), arranxo da varanda; a habilitación dun novo espazo público na cabeceira do Burgo e a reordenación do tráfico coa desaparición da actual rotonda, a mellora do acceso á estación de servizo (cuxo mantemento no tempo está condicionado pola lei de Costas) e actuación no tramo próximo do paseo Domingo Fontán e rúa Juan Manuel Pintos.