Ábrense á veciñanza de Monte Porreiro os primeiros composteiros comunitarios

69

Os veciños e veciñas de Monte Porreiro estrearán o próximo luns os tres primeiros composteiros comunitarios do barrio, situados nas rúas Italia e Alemania e na praza de Europa. Ata o composteiro da rúa Italia achegouse o alcalde Miguel Fernández Lores acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente, Carme da Silva e delegado do barrio, Alberte Oubiña co fin de comprobar o seu funcionamento. Xunto a eles estaba o presidente da asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro, Carlos Fagilde, pois este barrio é pioneiro na implantación do tratamento alternativo de recollida de lixo.

Os usuarios deixarán a materia orgánica -que supón de media o 42% do peso da bolsa de lixo- en dous dos seis módulos que integran cada composteiro. Alí estará un mes, vixiada e aireada polos mestres composteiros que tamén, pasado o mes, ocuparanse de trasladala aos seguintes dous módulos e un mes máis tarde os dous últimos. Neses tres meses o lixo sairá convertido nun compost de alta calidade (categoría A) o que o acredita para o uso en hortas ecolóxicas ademais de en xardíns, montes,… A primeira “colleita” deste compost sairá, polo tanto, para o remate do ano.

O compost de Monte Porreiro irá cara a futura horta ecolóxica do barrio e tamén cara a horta urbana que hai no Mirador. Os seus produtos teñen como destino o Banco de Alimentos.

O alcalde Miguel Fernández Lores subliña o valor económico (a medio prazo), ecolóxico e social da compostaxe e o carácter pioneiro do proxecto de implantación dun sistema alternativo de recollida e tratamento do lixo en Pontevedra. Será unha implantación gradual que dará os primeiros pasos nos barrios de Monte Porreiro e Campolongo e que precisa para o seu éxito coa participación activa da veciñanza. A separación en orixe é capital.

Os primeiros composteiros chegan da man do plan Revitaliza da Deputación que tamén instalará un cuarto composteiro comunitario na parroquia de Campañó con usos especiais (cemiterio, restaurantes, veciños non residentes…) pois no rural, o xeral, será o uso de composteiros individuais.

Mentres tanto o Concello está a tramitar a adquisición dos composteiros comunitarios que se despregarán polos barrios de Monte Porreiro e de Campolongo, onde as veciñanzas deron un paso adiente para pór en marcha o sistema alternativo de recollida de lixo. Con este obxectivo hai consignada unha partida de 130.000 euros.

Está previsto despregar un total de 204 módulos de compostaxe en 33 puntos do barrio de Monte Porreiro e 105 módulos no de Campolongo.