Comezan os traballos de consolidación dos achados do Castro das Croas para a súa posta en valor

20
    • Estase a traballar na muralla e na cabana do castro que se estima que data dos séculos VII e V a.C.

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana os traballos de consolidación das estruturas arqueolóxicas visibles do Castro das Croas (Salcedo) -logo de ser autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia-, que terán dunha duración dunhas dúas semanas. Estes achados son froito das escavacións desenvoltas en 1992, 1993 e, máis recentemente, en 2014. Estas estruturas tiñan un tapado provisional realizado dende a última intervención.

Tal e como explica o arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, estas estruturas son un tramo de 14 m. de lonxitude e en torno a 2 m. de ancho da muralla do castro, e unha cabana de 7 m. de diámetro, que probablemente foi utilizada como vivenda. A día de hoxe son as únicas estruturas arqueolóxicas visibles, logo da súa escavación, se ben con seguridade outras moitas agóchanse no subsolo agardando novas fases de escavación.

A consolidación consiste na aplicación de distintos tratamentos e materiais que garantan a conservación ao ar libre destas estruturas e a súa preservación futura, de xeito que podan ser visitadas e utilizadas como recurso cultural no marco do aproveitamento do xacemento arqueolóxico dende as perspectivas socio-cultural e turística. A consolidación é necesaria para ambas estruturas, se ben a cabana está en peor estado de conservación, xa que conserva tan só unha fiada do seu muro e incluso non completa en parte do seu perímetro.

Como é habitual nos traballos de restauración, seguirase o criterio de “mínima intervención”, é dicir, realizaranse as intervencións imprescindibles para garantir a preservación do ben sen alterar a súa morfoloxía e aspecto, de xeito que manteña o carácter do xacemento tal e como chegou até os nosos días.

Trátase dunha actuación concreta que se suma ao mantemento da cuberta vexetal do castro que se ben realizando regularmente dende o pasado ano.

Un castro da Idade de Ferro

O castro de As Croas é unha aldea da Idade do Ferro situada na parroquia de San Martiño de Salcedo. Os escasos datos arqueolóxicos dispoñibles permiten falar dunha ocupación antiga entre os séculos VII-V a.C., se ben proceden da pouca superficie escavada até agora, polo tanto non podemos saber cantos séculos estivo habitado e en que momento foi abandonado.

Mediante convenio, a propietaria de gran parte do castro, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo, cedeu ao Cconcello de Pontevedra o xacemento por un período de tempo para a realización de distintas actuacións destinadas á súa posta en valor.

Esta nova actuación está sendo executada pola empresa especializada Tomos Conservación Restauración, baixo a dirección e coordinación do Arqueólogo Municipal. O prazo de execución dos traballos será dun mínimo de dúas semanas, cun equipo composto por  restauradores e arqueólogos.