Concello e Deputación, da man nos campos de fútbol de Cerponzóns e Xeve

97

Miguel Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial asinaron un convenio de colaboración para a construción dos dous primeiros campos de herba sintética no rural pontevedrés: un en Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve e outro en Chan de Monte, na parroquia de Cerponzóns. As obras suporán un investimento de case 2 millóns de euros – 1.999.372 euros- dos que a institución provincial asumirá o 80% do custe e administración local financiará o 20% restante ademais de redactar os proxectos.

É o segundo convenio asinado polas dúas administracións ao abeiro do convenio-marco de colaboración, a folla de ruta fixada polo Concello e a Deputación, para o mandato tralo asinado para avanzar no saneamento do río Gafos e das parroquias de Mourente e Bora.

Este campos forma parte do plan municipal de renovación e construción de infraestruturas deportivas do Concello no que se atopan proxectos como a reforma da cuberta do Pavillón Municipal, un futuro pavillón na Parda, a modernización do campo de fútbol 11 de A Xunqueira e a rede de campos de herba sintética do rural do que Cerponzóns e Santa María de Xeve pero tamén os de Lérez, Campañó e Ponte Sampaio.

A sinatura do convenio amosou a boas relacións e entendemento que hai entre o Concello e a Deputación, guiadas polo respecto e a lealdade institucional segundo coincidiron en subliñar a presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Miguel Fernández Lores.

Campo de Chan do Monte (Cerponzóns). O terreo de xogo terá unha superficie de 105×63 metros, é dicir, permitirá a creación dun campo de fútbol 11 e dous campos de fútbol 7. Crearase con materiais recomendados pola FIFA para poder seren utilizados en competicións oficiais.

O complexo disporá de dous edificios: un será o dos vestiarios, xa que está previsto derrubar as actuales instalacións. Terá 392 metros cadrados con catro vestiarios para xogadores, dous para árbitros, enfermería e almacén para aparellos de fútbol, limpeza e outros elementos. Tamén disporá dunha sala de instalacións.

O segundo edificio -máis pequeno- terá aseos e novos accesos.
Serán edificios de liñas rectas, sinxelos, de formigón sen que destaquen demasiado para que non invadan a paisaxe espectacular. Levarán unha parede de vidro, que será a que da ao campo. E todo o edificio estará recuberto dunha celosía metálica que impide a visión de fóra cara adentro. Permitirá a entrada da luz durante o día, e facer del un edificio eficiente durante a noite. O tellado será de pedra granítica transitable.
Sepárase o acceso dos deportistas e do público e o complexo terá auga quente dunha caldeira de biomasa.
Custe: 1.028.000 euros

Campo de Gatomorto (Santa María de Xeve). O terreo de xogo será de 105×63 metros. Disporá de catro vestiarios de xogadores e dous vestiarios para árbitros. Botiquín, enfermería e almacén. Segréganse as entradas de público e xogadores ao campo.
Este campo dispón dunha edificación que se rehabilitará e manterase con pedra tal e como está concebido. A maiores construirase unha nova edificación, na que estarán os vestiarios, seguindo os criterios de funcionalidade. Disporá dunha zona acristalada e terá unha celosía.

O campo cumprirá todos os requisitos exisidos pola FIFA para que poida ser un campo de competición oficial.
971.000 euros.

convenio-concello-deputacion