Pontevedra vestirase de “Negro contra a violencia”

55
    • A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces participou esta mañá na presentación da campaña en Santiago á que están adheridos 15 concellos galegos.
    • Está prevista unha acción colectiva con implicación dos axentes sociais e económicos dos municipios para tinguir de negro a cidade.

O Concello de Pontevedra participará na campaña “En negro contra a violencia” xunto a outros 15 concellos de Galicia: A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Tui, Vilalba e Zas. A campaña de sensibilización no marco do día internacional contra a violencia de xénero, o vindeiro 25 de novembro, foi presentada esta mañá en Santiago de Compostela, e Pontevedra estivo representada pola concelleira de Igualdade, Carmen Fouces.

A campaña arrancará coa sinatura dun protocolo de colaboración o vindeiro 17 de novembro entre todos os concellos que recolle unha serie de accións conxuntas e coordinadas:

    • Promover a implicación dos axentes sociais e económicos municipais para tinguir de negro as vilas e cidades galegas, para vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.
    • Asesoría, deseño global e adaptación da imaxe da campaña a cada concello.
    • Dominio web ennegrocontraaviolencia.gal
    • Web cos seguintes apartados: mapa, descargas e novas
    • Estratexia de márqueting para as redes sociais durante os meses de outubro e novembro a través de: deseño da estratexia, deseño do plan de contidos, xestión de redes (Facebook, Twitter e Instagram), análise de resultados e informe
    • Emprego de materiais de campaña deseñados no marco de “En negro contra a violencia” e imaxes propias de cada concello

En Pontevedra, a Concellaría xa está a manter contactos con todo o tecido social da cidade para solicitarlles a súa participación de tal xeito que entre o 18 e o 28 de novembro toda a cidade se tinga de loito. Ademais, estase a habilitar un espazo específico dentro da web municipal pontevedra.gal para que os que se quieran sumar á campaña poidan facelo.

Pontevedra valora moi positivamente esta iniciativa para dar unha visión unificada na loita contra a violencia machista, “e coido que esa posición novidosa merece ser apoiada máis alá das opcións políticas de cada quen e dende todos os sectores que se poida”, asegura Carmen Fouces, quen defende que unha das fortalezas desta unión é “implicar a toda a cidadanía: sector empresarial, cultural, deportivo, comercial, particular…”.

“Este é o camiño que debemos seguir. Se estamos a falar que é un tema de Estado, e constatamos que non se está a dar, os concellos debemos unirmos e dar unha lección de igualdade, democracia e participación”, concluíu a concelleira.

Ademais, aspira a que todas as persoas que participan na campaña e o comercio empreguen o material para manifestar a repulsa de toda a cidade ante os futuros asasinatos machistas; “para dar unha canle de participación ante estes feitos, máis alá das concentracións é un reto”, asegura a concelleira.

Dende o departamento de Igualdade do Concello se confía en que se vaian adherindo, cada vez, máis concellos. De feito, a FEGAMP está enviado comunicacións a todos os concellos de Galiza para que se sumen.