Posta a punto do parque de Valdecorvos para uso e goce da veciñanza

41

Rematan os traballos de limpeza, acondicionamento e mellora na zona de Valdecorvos que quedará lista para o uso da veciñanza coa retirada nestes días de madeira acumulada das rozas.

Rozas na senda do río, retirada da especies invasoras limpeza dos noiros, o coidado da pasarela e o arranxo do firme do camiño foron os traballos sacados adiante baixo a coordinación do departamento municipal de Medio Ambiente Natural.

Os operarios fixeron unha limpeza a fondo da senda fluvial cunha roza mecánica seguida doutra ao detalle feita de xeito manual na beira do río co fin de retirar plantas invasoras. O punto de entrada do río Valdecorvos na urbanización era un bosquete moi mesto onde medraban canas, acacias, mimosas e eucaliptos. Cortáronse todos estes exemplares deixando en pé as poucas árbores de especies autóctonas que vivían no lugar. A partir de agora teñen espazo para medrar e que nazan novos individuos tanto de especies arbóreas como herbáceas que ata o de agora tíñano moi difícil pola escasez de espazo e de luz e polos efectos alelopáticos das especies invasoras.

Por outra banda limpáronse os noiros nos que tamén medraba vexetación a esgalla e de fora, arranxouse e se lle deu un tratamento protector á pasarela e actuouse sobre o camiño- arranxo do firme – e renováronse as arquetas.

Con esta actuación cúmprese o compromiso adquirido polos concelleiros Luís Bará e Alberto Oubiña cos veciños e veciñas do Castañal e Valdecorvos -unha das áreas de expansión da cidade- nunha xuntanza celebrada no mes de agosto co fin de avaliar as mellores que se estaban a facer no barrio, presentar novos actuacións e recoller suxestións.