O IMD pecha 20 anos de promoción do deporte municipal

117

O Concello de Pontevedra celebrou hoxe a última reunión da Xunta reitora do Instituto Municipal de Deportes que consistiu na aprobación da acta da sesión anterior, un trámite administrativo pequeno pero preciso para disolver este organismo autónomo do Concello que dirixiu a política deportiva municipal durante os últimos 20 anos.

A presidenta do IMD e concelleira de Deportes, Anxos Riveiro explicou que “foi un tempo no que o organismo autónomo traballou con todas as persoas de xeito notabilísimo pero, por cuestións legais e de novos tempos, era preciso mudar ese corsé que limitaba moitas cousas, nunha cidade no que o deporte é referencia”. Explicou que a actual normativa do IMD “non permitía avanzar”.

Anxos Riveiro confía en que 2017, cando entra a funcionar o novo Servizo de Deportes do Concello, “o faga do mellor xeito posible para que no futuro, realmente digamos que esta decisión pagou a pena”.

O novo Servizo de Deportes, dependente directamente da estrutura do Concello, continuará todos os proxectos que tiña en tramitación o IMD, contando co persoal do antigo instituto respaldado por todos os servizos municipais. Nesta nova andaina, a prioridade do servizo é a tramitación das Piscinas de Campolongo. “É unha prioridade por riba doutras moitas cousas, e trataremos de adicarlle todos os nosos esforzos dende o día 2 de xaneiro”, asegurou Anxos Riveiro.