Ángela Paz e o Colexio de Avogados, premios Cidade de Pontevedra

62

A activista social Ángela Paz García (persoa física) e o Colexio de Avogados de Pontevedra (persoa xurídica) son os novos Premios Cidade de Pontevedra. Recibirán as distincións que levan o nome da cidade no Pleno de honra do próximo 20 de xanerio, día de San Sebastián.

A presidenta do xurado dos premios e presidenta da Comisión municipal de Cultura, Carmen Fouces, sinalou o orgullo de estar nunha cidade “con capacidade para ter tantos candidatos e de tanta implicación social “ e “tan merecedores” todos eles de facerse co premio. Lembraba a presidenta que nesta convocatoria foron dez os candidatos. En persoas físicas, ademais da gañadora: Verísimo Pazos, Antón Sobral e Lourdes Domínguez. Na categoría de persoas xurídicas, sen contar ao gañador: Difusión Felina Pontevedra, Festa HQR!, Amigos da Pontevedrada, Asociación Boa Vida Inclusión Social e ONG Solidariedade Internacional.

Ángela Paz García foi elixida premio Cidade de Pontevedra por unanimidade. Carmen Fouces calificouna como “unha comprometida activista social e moi dinámica” que “lonxe de apartarse do compromiso por cuestións de saúde, foi quen de facer destes problemas bandeira” participando nunha asociación que da soporte aos pacientes que sofren a súa mesma doenza. “Sempre está na procura do benestar dos que lle arrodean e da cidade” resumiu a presidenta do xurado.

Respecto ao Colexio de Avogados, Carmen Fouces quixo pór en valor no traballo feito en apoio das persoas vítimas de desafiuzamentos. “Prestaron atención gratuita e deron servizios profesionais” e o convenio pioneiro que asinaron co Concello de Pontevedra para este fin está a ser imitado pola Xunta. “Os profesionais foron quen de saltar por riba dos seus intereses particulares” subliño a concelleira quen ve un plus no feito de “que eles non adicaron o seu tempo libre se non o seu traballo” para axudar as persoas que estaban a piques de perder a súa casa.