Obxectivo: Axilizar e simplificar os trámites da Área de Urbanismo

79

Axilizar e simplificar a tramitación de expedientes relacionados con licenzas e comunicacións previas na área de Urbanismo do Concello, reorganizar dita área e dar a coñecer aos profesionais e a cidadanía o que hai que facer coa elaboración de Guías e diagramas de procedemento. Son os obxectivos que hai detrás do decálogo de medidas presentadas hoxe pola concelleira Carme da Silva para reorganizar á Area de Urbanismo, que inclúe tamén a actualización de distintas ordenanzas para adaptalas as actuais directrices normativas como unha nova ordenanza única integrada de actividades económicas e apertura de establecementos e obras ou un novo regulamento de ruídos.

No ano 2016, segundo os datos facilitados polo Rexistro Xeral do Concello, 4.517 das entradas tiveron como destino o servizo de Urbanismo, 2.868 o servizo de Disciplina e 783 os servizos técnicos municipais – ao que hai que sumar as que chegaron a través doutras dependencias e se derivaron á área de Urbanismo- Son cifras que dan idea da inxente carga de traballo que tales solicitudes e documentos xeran e o número de procedementos en tramitación, subliñou a concelleira.

O decálogo de medidas no que se traballará no primeiro semestre deste ano 2017 é o seguinte:

Redacción e aprobación da Ordenanza única de regulación integrada do exercicio de actividades económicas e apertura de establecementos e obras no Concello de Pontevedra

Planificación dos procedementos de comunicación necesarios e de verificación posterior en clave de simplificación, claridade e redución de cargas administrativas co horizontes de reduír os tempos de tramitación. Para elo se vai a:

–  Ditar Instrucións ou ordes de servizo nas que se simplifique e racionalice o número de informes técnicos por procedemento, para evitar duplicidades e trámites innecesarios.

–  Elaboración de Guías e diagramas de procedementos, coa documentación e requisitos preceptivos para a tramitación das comunicacións previas de obras e de actividades dirixidos ao sector aos colexios profesionais implicados e a cidadanía en xeral e publicadas na sede electrónica.

–  Actualización e revisión dos modelos normalizados.

Unha vez elaboradas, e antes e despois da súa aprobación, realizaranse xornadas de debate e difusión coa Asociación de Empresarios da Construción-APEC e outras entidades e colexios oficiais do sector.

Aprobación dun Plan de inspección de carácter bianual para programar e racionalizar as inspeccións de obras, locais e actividades.

Dar publicidade á Relación dos procedementos nos que subsiste o réxime de sometemento a previa licenza local de actividades.

Cubrir as vacantes xeradas para reforzamento dos servizos administrativos e técnicos da área de urbanismo, particularmente no caso dos novos postos de arquitecta/o técnica/ o e de administrativa/o.

Reorganización da área e da oficina técnica de licenzas, no que atinxe á asignación de funcións e atribucións entre os servizos e oficinas e mesmo nas encomendadas aos diferentes postos de traballo da área técnica.

-Encomendar parte das funcións da OTLI, en relación a licenzas e comunicacións previas relacionadas con usos residenciais no Centro Histórico, á OTR, unha vez posta en marcha a ARICH, ao igual que xa se fai no eido da ARI de Estribela.

– Estudo das posibles vías de colaboración e coordinación co Corpo de Bombeiros en actuacións preventivas en materia de protección contra incendios vencelladas aos plans de inspección (condicións de seguridade de determinados locais de ocio con grandes aforamentos) e nas ordes de execución subsecuentes aos sinistros e servizos nos que participan.

A tramitación electrónica e portelo único de actividades e servizos, con incremento da información dispoñible na sede electrónica e no portal WEB que experimentou un importante avance no 2016.

Remodelación dos servizos urbanísticos sitos na rúa Churruchaos. Aproveitarase o traslado para proceder ao arquivo dos expedientes acumulados, no seu caso mediante servizos extraordinarios.

Inicio dos trámites para a elaboración dunha nova Ordenanza de ruídos.
Elaborar un novo Catálogo de edificacións e elementos a conservar, proxecto que xaten consignación presupuestaria nos orzamentos de 2017.

Medidas axilización e simplificación área urbanismo