Ben veñas, Maio ábrese nesta edición á curtametraxe

59
    • Por vez primeira o cine formará parte deste programa de fomento do uso do galego entre a mocidade de Pontevedra.
    • Tamén haberá as convocatorias de fotografía, banda deseñada, narrativa, poesía e música. Os traballos poderán presentarse até o 19 de abril.

A Concellaría de Normalización presentou esta mañá unha nova edición do programa Ben Veñas, Maio un conxunto de certames promovidos tamén pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros públicos de ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos de Pontevedra. A coordinación dos certames deste ano estará compartida entre os coordinadores dos equipos de normalización lingüística do CIFP A Xunqueira e do IES Luís Seoane, os profesores Marcos Pérez Cardoso e Manuel Lourenzo Sobral.

O programa Ben Veñas, Maio está dirixido a promover o uso da lingua na mocidade de Pontevedra a través do impulso da creatividade en artes como a fotografía, banda deseñada, narrativa, poesía ou a música. Ata o 19 de abril poderán presentar traballos os mozos e as mozas dos centros públicos de ensino secundario do Pontevedra.

Este ano preséntase como novidade o I Certame de Curtametraxes, que serán orixinais, inéditas, de temática libre e cunha duración máxima cinco minutos. Para este apartado prevese un primeiro premio de 150 € e un lote de libros e un segundo premio de 100 € e un lote de libros.

Tamén inclúese como novidade a colaboración da Deputación provincial neste programa que fará unha publicación con todos os gañadores do certame.

Ademais, mantéñense as convocatorias para os certames de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música, xunto coa Semana Teatral durante a que se representarán as obras nas que están a traballar os grupos de teatro dos centros de ensino.

Os certames prevén premios por un total de 3.325 € e lotes de libros. A entrega de premios e o certame musical serán o sábado 13 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

BEN VEÑAS, MAIO 2017

BASES XERAIS

Para todos os certames, agás o musical:

  1. Poderá participar o alumnado matriculado nos institutos públicos do concello de Pontevedra.
  2. Cada participante poderá presentar cantas obras queira, se ben en cada categoría non se poderá conceder máis dun premio á mesma persoa.
  3. O alumnado participante non fará figurar o seu nome nas obras. Xunto con estas, entregarase un sobre pechado que conterá os datos persoais: nome, idade, enderezo, teléfono, curso e instituto no que estuda, copia do DNI e certificación do número da conta bancaria na que estean autorizados os/as menores. No exterior figurará o título da obra a carón do pseudónimo do autor ou autora, a modalidade á que se presenta e, se é o caso, a categoría na que participa.
  4. O xurado que cualificará os traballos será designado pola Comisión Organizadora e só a el corresponde a interpretación das bases. O seu veredicto será inapelable.
  5. Todas as obras presentadas poderán ser reproducidas, expostas ou editadas.
  6. Os traballos entregaránselles aos membros dos Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos institutos.
  7. O prazo de admisión de traballos remata o día 19 de abril de 2017.
  8. O anuncio do veredicto do xurado e a entrega de premios realizaranse ao remate do certame musical “Ben veñas, maio” do sábado 13 de maio de 2017.
  9. Ademais dos premios establecidos, o xurado poderá outorgar cantos accésits considere oportunos. Os accésits consistirán nun lote de libros.
  10. No caso que o o xurado considere que nalgunha categoría as obras non acadan o nivel mínimo esixible poderá declarar deserto un ou todos os premios contemplados nestas bases. As dotacións económicas dos premios desertos poderán ser empregadas para premiar obras de calquera outra categoría.

BASES ESPECÍFICAS

CERTAME DE FOTOGRAFÍA

As fotografías deberán recoller algunha imaxe que represente o uso anómalo ou curioso da lingua galega en rótulos, pancartas, faixas publicitarias, pintadas, indicadores, etc.

Cada fotografía achegarase cun comentario en galego que xustifique o interese da imaxe obtida, así como o lugar e a data de obtención.

A técnica fotográfica e o tamaño serán libres.

Os premios serán os seguintes:

Primeiro premio: 150 €, lote de libros e diploma

Segundo premio: 75 €, lote de libros e diploma

 

XXIV CERTAME DE BANDA DESEÑADA BEN VEÑAS, MAIO

As obras serán orixinais e inéditas. No tema deberá reflexionarse sobre o uso e valoración das linguas e os textos serán en lingua galega.

Poderá utilizarse calquera técnica, mais só en branco e negro. O formato será DIN-A4 ou ampliación ou reducións proporcionais.

A extensión será de dúas páxinas como mínimo e de seis como máximo.

Deberán presentarse orixinal e fotocopia de cada unha das obras.

Establécense dúas categorías:

      • Categoría A: ata 14 anos inclusive.
      • Categoría B: a partir de 15 anos.

Os premios serán os seguintes:

      • Primeiro premio: 150 €, lote de libros e diploma.
      • Segundo premio: 75 €, lote de libros e diploma.

XXIV CERTAME DE NARRACIÓN CURTA BEN VEÑAS, MAIO

O tema das narracións será libre. As obras deberán estar escritas en lingua galega e ser absolutamente orixinais e inéditas; terán unha extensión mínima de dous folios e máxima de seis, mecanografados a dobre espazo, por unha soa cara e con letra Times New Roman do tamaño 12.

Os participantes entregarán o orixinal e enviarán o texto por correo electrónico ao enderezo bvenasmaio@gmail.com

Establécense dúas categorías:

      • Categoría A: ata 14 anos inclusive.
      • Categoría B: a partir de 15 anos.

Os premios serán os seguintes:

      • Primeiro premio: 150 €, lote de libros e diploma.
      • Segundo premio: 75 €, lote de libros e diploma.

XVI CERTAME DE POESÍA BEN VEÑAS, MAIO

O tema dos poemas será libre, e no tocante á extensión, un máximo de trinta versos.

As obras serán orixinais e inéditas, escritas en lingua galega e mecanografadas a dobre espazo, por unha soa cara e con letra Times New Roman do tamaño 12.

Os participantes entregarán o orixinal e enviarán o texto por correo electrónico ao enderezo benvenasmaio@gmail.com

Establécense dúas categorías:

      • Categoría A: ata 14 anos inclusive.
      • Categoría B: a partir de 15 anos.

Os premios serán os seguintes:

      • Primeiro premio: 150 €, lote de libros e diploma.
      • Segundo premio: 75 €, lote de libros e diploma.

XXI SEMANA TEATRAL BEN VEÑAS, MAIO

Mostra do traballo realizado en lingua galega ao longo do curso polos grupos teatrais dos diferentes institutos. Este certame desenvolverase durante os días 10, 11 e 12 de maio no Teatro Principal e segundo un programa que se anunciará previamente nos propios centros.

Os grupos participantes disporán dun vale por valor de 70 € para a compra de materiais para a obra.

  • XVIII CERTAME MUSICAL BEN VEÑAS, MAIO

Poderán participar todos os grupos musicais e/ou solistas, sempre que todos os seus compoñentes estean matriculados/as nalgún instituto público de Pontevedra.

Ningunha persoa poderá participar en máis dun grupo.

Cada grupo ou solista interpretará dúas pezas orixinais, en calquera estilo musical, de xeito que as súas letras se axusten ás condicións seguintes: o texto da primeira peza será un poema de autoría propia; o texto da segunda peza será dun poeta ou dunha poetisa con obra en galego. En ambos os dous casos, os textos deben ser en galego. Asemade, a presentación do grupo e das cancións, ao igual que calquera tipo de manifestación de carácter oral dirixida ao público, deberá facerse en lingua galega.

Os textos das cancións deberán ser entregados á Comisión Organizadora unha semana antes da celebración do concurso, xunto cunha ficha na que figurarán os datos de cada compoñente do grupo.

As inscricións dos grupos ou solistas participantes faranse diante dos profesores/as que coordinen o ENDL de cada centro. O prazo rematará o 19 de abril de 2017.

A celebración do certame será o 13 de maio, sábado, no Pazo da Cultura , e a hora de comezo anunciarase oportunamente. O acto será público.

A coordinadora dos ENDL nomeará un xurado que decidirá os tres primeiros grupos ou solistas clasificados.

Os premios serán os seguintes:

      • Premio especial: 100 € por membro do grupo, ata un máximo de 600 €.
      • Primeiro premio: 400 € e diploma.
      • Segundo premio: 350 € e diploma.
      • Terceiro premio: 150 € e diploma.

O anuncio do veredicto do xurado e a entrega dos premios realizaranse ao remate do propio certame.

A interpretación destas bases corresponde ao xurado. O seu veredicto será inapelable.

I CERTAME DE CURTAMETRAXES BEN VEÑAS, MAIO.

As curtametraxes serán orixinais e inéditas e de temática libre. O idioma empregado será a lingua galega.

A duración máxima das creacións audiovisuais será de 5 minutos.

As curtas entregaranse en soporte dixital á comisión organizadora ou ao responsable do EDLG de cada centro.

Os premios serán os seguintes:

      • Primeiro premio: 150 €, lote de libros.
      • Segundo premio: 100 €, lote de libros.