O novo Local Social de Lourizán en Estribela rehabilitará o vello mercado de 672 metros cadrados

40

O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez presentou esta mañá o proxecto de reforma do Local social de Estribela que se convertirá entre este ano e o que vén no Centro social de Lourizán. Un proxecto de 545.000 euros que permitirá rehabilitar o que será o centro social máis grande de toda Pontevedra cunha superficie total de 672 metros cadrados construídos, para a parroquia máis poboada do municipio.

Segundo explicou o concelleiro, o proxecto realízase atendendo as necesidades que recollía o Plan de Parroquia e tamén “as poucas demandas que fixo o Consello parroquial”. Con ese punto de partida, fíxose un proxecto sustentábel economicamente “porque nos permite aproveitar os recursos económicos e un edificio xa construído que funcionaba con moitos problemas permanentemente”.

Tamén é un proxecto sustentábel desde o punto de vista social dado que a parroquia precisa dun espazo de encontro veciñal; e dende o punto de vista ambiental porque se reutiliza unha infraestrutura xa existente e que está inxerida nunha zona da cidade bastante rehabilitada. Ademais, será respectuoso co medio polos materiais que empregará e o tipo de iluminación que leva.

Para o deseño do Centro social de Lourizán, en Estribela, incorporáronse as melloras e a aprendizaxe que o Concello tivo durante todos estes anos elaborando proxectos de locais sociais, especialmente no relativo á distribución do edificio.

O novo Centro Social de Lourizán dispón de dous andares. Na planta baixa (o que era o antigo mercado de Estribela que está pechado agás un espazo que ocupa unha concesión dunha carnicería), empregarase para usos específicos e menos cotidianos como conferencias, proxeccións, exposicións… Créase unha sala de 130 metros cadrados que se fai accesíbel dende o exterior creando un vestíbulo de entrada. Disporá de zona de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.

Esta planta é totalmente independente do segundo andar que ten o seu acceso directo dende a parte de atrás do edificio. Esta segunda planta ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, dúas aulas e aseos. O vestíbulo común a estas salas disporá de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central. Ademais, está previsto crear unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.

O proxecto exporase na parroquia para que sexa coñecido por todos os veciños, e presentarase á Comisión de Obras da vindeira semana.

O prazo de construción, logo da adxudicación, será duns 9 meses e o concelleiro delegado de Lourizán confía en que as obras poidan iniciarse neste ano.