Contratado o proxecto para reformar o Pavillón Multiusos da Xunqueira

70

    • O Servizo é consciente da necesidade de remodelar integralmente a instalación na actualidade precaria e obsoleta.
    • Está previsto mellorar o graderío, instalar un montacargas e revisar toda a accesibilidade, arranxar a cuberta das terrazas, cambiar a iluminación da pista, o sistema de auga quente sanitaria, instalar ventilación asistida e mellorar o equipamento deportivo.

A Concellaría de Deportes continúa o elevado ritmo inversor para pór en perfectas condicións de uso as distintas infraestruturas deportivas do Concello na Xunqueira entre as que se inclúen as melloras do Pavillón Municipal ou a remodelación do campo de herba sintética de fútbol 11.

Nesta ocasión tócalle o turno ao Pavillón Multiusos Municipal da Xunqueira, unha instalación que viviu ao longo da súa historia sucesivas reparacións parciais, pero que agora precisa dunha intervención de envergadura que permita empregar o pavillón na súa totalidade. O Goberno Local e a Concellaría de Deportes son conscientes da precaria situación do Multiusos nalgunha das súas zonas, por iso acaba de encargar ao equipo de arquitectos Laf artec a redacción dun proxecto de mellora integral do Multiusos.

Aínda que será este proxecto o que determine as necesidades que presenta a instalación, dende a Concellaría de Deportes déronselle unhas directrices sobre os elementos que necesariamente hai que intervir:

    • Adaptación e mellora de toda a zona de público (a grada)
    • Mellora da accesibilidade coa instalación dun montacargas e revisión de toda a instalación para mellorar a accesibilidade.
    • Arranxo da cuberta das terrazas para resolver o problema das filtracións que entran no pavillón (o resto da cuberta é de recente instalación).
    • Eficiencia enerxética coa substitución da iluminación da pista por iluminación leds e mellora do sistema da auga quente sanitaria, e probablemente a substitución da caldeira.
    • Ventilación forzada da instalación
    • Mellora do equipamento deportivo (como última parte da intervención).

Aínda que o proxecto será o encargado de determinar o custe de toda a actuación, dende a Concellaría de Deportes estímase que o investimento pode superar os 300.000 euros.

Cabe lembrar que o Pavillón Multiusos da Xunqueira é xunto ao Pavillón Municipal, a instalación deportiva que máis usos ten durante todo o ano. Emprégase todos os días e está aberto dende primeira hora da mañá até as doce da noite, agás os domingos pola tarde. Os usos do Multiusos son arredor de 7.000 ao mes, fundamentalmente de deporte federado, segundo os datos de reserva do Servizo de Deportes.