Braga busca un modelo de coexistencia peóns-tráfico e mira a Pontevedra

46

Unha delegación técnica da Cámara Municipal de Braga co concelleiro responsábel da área de Mobilidade e Urbanismo, Miguel Bandeira ao fronte achegouse a Pontevedra co fin de profundar no coñecemento do noso modelo urbano. Con eles estivo un equipo da consultora CINESI, que representa ao departamento municipal de Mobilidade de cidade lusa na rede CityMobilNet do proxecto europeo URBACT.

Braga ten unha das zonas peonís máis amplas de Portugal pero tamén rexistra unha das taxas de crecemento de automóbiles máis elevadas o que complica o camiño cara a construción da cidade amábel, respectuosa e sostible que queren ser. Ademais explicou o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Miguel Bandeira, “temos problemas engadidos como o feito de que estradas nacionais cruzan a cidade e inda que temos autoestradas e infraestruturas viarias para retirar os grandes fluxos de trafico de paso, a xente segue a atravesar o centro da cidade”.

Por diante teñen retos como, por exemplo: resolver os tráficos de paso e axitación, a aplicación de medidas de calmado de trafico ou inverter as prioridades no eido da mobilidade a prol das persoas.

A delegación de Braga mantivo unha sesión de traballo sobre o modelo Pontevedra cos responsábeis municipais dos departamentos de Urbanismo (normativa legal), Xosé Manuel Tato e Mobilidade, Daniel Macenlle e despois fixeron un percorrido pola cidade co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores.

“Construímos unha cidade para as persoas e demostramos que os automóbiles necesarios son poucos e perfectamente compatibles coa xente” indicou o alcalde Miguel Fernández Lores, encantado e orgulloso de compartir unha experiencia que inda ten percorrido por diante.

Distintos membros da delegación portuguesa amosaron un especial interese e admiración polo “elevado nivel de civismo” dos pontevedreses ao asumir e apoiar un modelo que ten na recuperación para as persoas de espazos públicos invadidos polos coches e na convivencia de peóns, bicis e coches nos espazos urbanos un dos seus sinais de identidade

“É fundamental a relación da mobilidade co concepto de rexeneración urbana” subliñou Miguel Bandeira quen ve no modelo Pontevedra elementos inspiradores. “Temos que atopar o noso modelo de coexistencia dos tráficos” engadiu.