Traballamos na mellora da imaxe da avenida de Compostela

75

A avenida de Compostela mellora a súa imaxe. O Concello está a acometer traballos de arranxo e embelecemento da mediana que hai no tramo que vai dende a ponte de Santiago até o cruzamento coa rúa Xoán Manuel Pintos (lateral do aparcamento disuasorio) e máis a rotonda do pavillón.

Os traballos, coordinados polo departamento de Medio Ambiente Natural, comezaron co levantamento da mediana e seguirá coa instalación do rego co fin de convertela nun recuncho “verde” con plantas e arbustos ornamentais. Un tratamento similar farase na rotonda.

Nestes espazos instalaranse, entre outras, árbores como a camelia ou lagerstroemia indica e arbustos como berberis, agapanto, lavanda, leptospermun, azalea, lantana, santolina e e laureiro real.

Esta actuación supón un investimento de arredor de 22.000 euros e a previsión é que estea rematada nun par de semanas.

Os traballos de embelecemento son un paso máis na mellora deste tramo viario traspasado ao Concello que tivo unha primeira intervención coa mellora da accesibilidade e implantación de medidas de calmado de tráfico.

Actuacións como a que se está a facer na avenida de Compostela están no marco dun plan xeral de mellora e embelecemento das estradas de acceso á cidade, a primeira imaxe que teñen os centos de condutores e viaxeiros que cada día veñen a capital do Lérez. Van na liña dos traballos feitos, por exemplo, no entronque das avenidas Josefina Arruti e Fernández Ladreda.